Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2022 | Actualizada ás 22:10
A porcentaxe de mulleres en relación á de homes difire cada vez máis nalgunhas áreas de coñecemento. Segundo os datos do Ministerio de Educación e Formación Profesional, móstrase un retroceso en determinados cursos historicamente masculinizados: do 50% de mulleres alumnas de Matemáticas ao 36%, e do 27% de alumnas en Informática ao 10%.
O centro de formación profesional a distancia CEAC indica que a raíz desta problemática atópase na "masculinización da formación que se imparte". "Algúns traballos son socialmente asignados para homes, os cales están mellor pagados e aos cales se lles outorga máis poder e prestixio. Pola contra, aqueles empregos máis feminizados son menos remunerados, con menos prestixio, poder e oportunidades". Desta maneira, este centro advirte da importancia de "formar ben" na formación profesional para reducir a desigualdade de formación e, consecuentemente, combater tamén a fenda salarial.
FENDA DE XÉNERO EN FP E TÉCNICA
Segundo os datos proporcionados polo centro de estudos a distancia CEAC, existe unha fenda de xénero na formación técnica e profesional. Os cursos onde máis se evidencian son nos perfís do ámbito 'STEM', isto é, ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas.
A greta vese claramente en cursos como informática e tecnoloxía, cun 76,19% de participación masculina; e mantemento e instalacións, cun 93%. Outro exemplo é a oferta formativa como DJ, onde a taxa de inscrición masculina alcanza o 97,3%, mentres que a das mulleres é dun 2,6%. "Estas baixas porcentaxes de representación feminina nestes cursos, ademais, atópanse cun mercado laboral que loita por romper o teito de cristal que se formou a través dos estereotipos", explica CEAC.
Esta fenda tan ampla nos sectores máis estereotipados tamén se ve reflectida á inversa: no sector da educación a representación feminina é dun 90,9%, no curso de atención asistida a persoas con dependencia a cifra é dun 97% e na formación de auxiliar de enfermaría un 88,38%.
CAMPAÑAS
"É sumamente importante tomar medidas ao respecto, non só a nivel lexislativo e económico, senón tamén a nivel educativo para eliminar os estereotipos de xénero nas novas xeracións", explican dende CEAC. Por iso mesmo, veñen de iniciar unha campaña basease no Programa +Mulleres, onde se pretende visibilizar as mulleres en formacións masculinizadas, romper os estereotipos de xénero e xerar maior interese das STEM nas mulleres.
Tamén a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vén de presentar os resultados do Programa de Apoio Empresarial ás Mulleres (PAEM), que, segundo explican, prestou axuda a 212 usuarias e rexistrou 75 demandas de asesoramento, ademais de colaborar na creación de 15 empresas e asesorar 55 proxectos.
O PAEM é un programa desenvolto pola Cámara de Comercio de España e esta dirixido a
mulleres con inquietude emprendedora, que queren crear á súa empresa e que necesitan axudas ou subvencións. O programa axuda na elaboración do plan de empresa, proporciona información e asesoramento para crear a empresa e desenvolver o negocio; así como a
tramitación da solicitude para o acceso ás liñas de financiación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.