Por Ursula Neilson | Pontevedra | 28/05/2014 | Actualizada ás 13:15
Ao principio, estiven estudando arquitectura uns anos, pero xa pintaba, que era o que me pedía mi interior. Pensaba que ambas cousas non podían compaxinarse así que decidín tirar pola vía da pintura.
Pero eses anos de estudo aportáronme moitísimo. Daquela a Escola de Arquitectura da Complutense de Madrid era un fervedoiro de ideas. No ano 67, 68, dende que eu chegara a Madrid, ata o final da ditadura, nos centros universitarios se pasaba moita información, se estaba moi ao día, tanto no aspecto de tese políticas como nas cuestións artísticos… Daquelas a información era máis complicada que hoxe; alguén que pasaba algún libro, revistas de París ou Londres a Madrid.
E logo, a disciplina do debuxo, que era francamente dura, o que vulgarmente se coñecía como a ‘estatua’. Era realmente complexa, un exercicio moi ríxido, case tiñas que facer unha foto.
Exercicio que hoxe plantexo aos alumnos nas miñas clases na facultade de BB.AA de Pontevedra pois pasado un tempo decateime que é un exercicio básico no aprendizaxe do Debuxo. Composición, proporción, claro-escuro, tonalidades…..inda que se plantexa de xeito menos ríxido, mais heterodoxo que cando eu estudei. Pero vamos, estou moi contento de haber pasado por alí.
Máis que decidir quedarme en Pontevedra, a propia vida traxoume. Vin en 1975 con motivo de poñer en marcha a segunda etapa da revista infantil Vagalume que se fixo en Pontevedra. Eu deseñaba os números da revista. Ademais moitos dos debuxos que se publicaron en portadas e interiores eran de nenos de Madrid, porque en Galicia realmente non se traballaba a plástica nas escolas. Inda que parézanos raro hoxe. Como eu din clases de debuxo nun colexio madrileño, no Miguel de Cervantes, en Argüelles, conseguín unha colección de debuxos que foi a base do principio desa segunda etapa de Vagalume. Ao poñernos en contacto cos colexios xa empezamos a conseguir debuxos dos rapaces galegos. Foi una bela experiencia que durou do 1976 a 1978.
Iso foi un pouco o que me fixo quedar aquí en Pontevedra, aparte de cuestións vitais máis persoais, aínda que en principio mi intención unha vez concluída a etapa de Madrid, unha vez morto Franco, 1975, era saltar a New York! Ao final, quedei, e non pasa nada. Tratei de facer de Pontevedra meu New York …por así dicilo...(risas)-
O propio río da vida fíxome barrar aquí, en Pontevedra, onde nacín. Estou ben, a gusto, con todas as cousas marabillosas da vida e con todas as miserias da vida, igual que en calquera outro lugar do mundo.
Aquí en Galicia se traballa igual que en outras cidades, países,… aínda que temos o hándicap da situación xeográfica, topámonos alonxados dos circuítos da decisión e presentación da Arte.
Moitos dos que participamos naquel movemento a principios dos 80 en Baiona xa nos coñeciamos. Eu tiña moito contacto cos artistas de Vigo como Guillermo Monroy, Mantecón, Armando Guerra, Huete, Patiño, Lodeiro, Laxeiro… A amizade xa viña das exposicións na Praza da Princesa, anos 70. Participei moi activamente, en todas as exposicións e proxectos que organizaba Atlántica xa antes da histórica “Atlántica 80” na Casa de Cultura de Baiona.
Atlántica foi un tempo, 1980-83, de compromiso vital, de compromiso coa Pintura, a Arte, Compromiso co lugar-Galiza.
O recordo como un tempo de plenitude, era novo, tiña moita ilusión, fame de pintar; as marabillosas discusións de Pintura, da Arte, as xuntanzas con matiz asembleario á hora de preparar as exposicións, caralladas múltiples, critica atroz da obra de todos con todos… Poderíase escribir talvez unha novela arredor do “Circulo Critico” que se formou (A Coruña-Pontevedra-Vigo-Ourense)…
Sobre o feito Atlántica recomendo a lectura do libro Voces de Atlántica que publicou o Marco en colaboración coa Editorial Galaxia, 2005.
A situación en España estaba cambiando por aqueles anos... A pintura de entón foi un boom, a nivel español e tamén europeo. E aquí en Galicia conseguimos facernos notar tanto a nivel local, como nacional e internacional. Foi un tempo moi vivido e moi combativo desde o noso posicionamento artístico.
A crise afectou sen dúbida economicamente. O mercado da arte pegou unha baixada moi grande. Non tanto no plano internacional de grandes nomes, pero nos circuítos nacionais a crise fixo moito dano. Agora os cartos non se moven.
E no aspecto creativo, a min me esta afectando un montón, ás veces xa me levanto cabreado! Noto unha evolución no meu modo de pintar, vou de novo cara a situacións máis simbólicas, con máis rotundidade. É a sensación que me provoca o desacougo que está vivindo a sociedade.
Cada xeración vai creando unha serie de imaxes que son representativas dun tempo. A medida que te vas facendo máis veterano, vas tendo se cadra unha visión máis ampla... De mozo, vas máis lixeiro, a mochila non pesa… Logo vanse ampliando os horizontes.
Sen dúbida a crise flota no ambiente. O noto entre os meus alumnos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Cóntanme uns que lles quitaron a beca, ou que a reduciron e non lles da... Non entendo como se está a estragar a Universidade, a Ensinanza Pública, a Sanidade, a Paisaxe… Se pensa no coñecemento en termos de rendibilidade económica, cando é ao revés: un país se constrúe a base de coñecemento, e a base de compromiso.
Eu penso que a pintura é un pouco como un virus, que cando te entra non o quitas de enriba. Eu, dende neno sempre debuxei. Penso que a pintura neste momento é unha vía para coñecer o mundo no que vives, de afondar na interioridade de uno mesmo. É como unha fonte que emana auga continuamente. Igual traballo nunha via pictórica durante catro ou cinco anos…e logo vai producíndose un cambio, abres outra porta... Non quero, nunca quixen, cinguirme a un mesmo concepto pictórico. No devir vas encontrando respostas as túas vivencias.
Pero ao mesmo tempo, e cada vez máis, hai un análise, unha reflexión, sobre a propia linguaxe da pintura. E conxugando ambas cousas, aquí andamos... Se non piso o taller un pouco todos os días, aínda que só sexa un par de horas, me sinto raro. Necesito estar en contacto coa pintura, dunha maneira case enfermiza.
Eu penso que a pintura é un continuo que ten bucles, vai respondendo ao momento histórico en que se fai, incluso, se nutre de todo o que leva pintado o home desde o tempo das cavernas .
A Pintura é unha linguaxe cunhas características propias, un modo de comunicación diferente. E en ese sentido a pintura ten o seu territorio, aínda que o proceso creativo e moi similar en toda actividade artística
Nos meus alumnos noto unha maior influencia, loxicamente, da imaxe dixital. Hai todo un abanico moi amplo de novas tecnoloxías que están a propiciar novas posibilidades artísticas. Eu o que persigo é que o alumno na súa obra sexa capaz de emocionar, que te faga pensar, establecer un diálogo coa obra, sexa cal sexa a técnica ou tecnoloxía empregada.
O Debuxo é das distintas disciplinas artísticas a máis inmediata, a máis directa. Tés un lapis na man que automaticamente traza, debuxa, pero quen realmente está a debuxar é o cerebro, que manda as ordes á man para conseguir a imaxe do que tes na mente. O debuxo non deixa de ser un pensamento feito expresión gráfica, feito realidade no papel. A imaxe dun pensamento, con gran inmediatez.
Creo que os artistas somos en xeral bastante solidarios, aínda que na pintura necesitas moito tempo para interiorizar, e iso te conduce a espazos de soidade, aínda mellor que sexa soidade compartida. Eu pinto só, cústame pintar en compañía, teño as miñas manías, o meu recorrido polo taller, o meu ritual… Voume exercitando ata chegar ao momento oportuno de atacar o lenzo. Na pintura, necesitas o teu propio espazo e tempo para poder desenvolver a actividade, dunha maneira coherente, con compromiso, e con ganas de pintar. É verdade que na pintura hai egos moi grandes, pero polo xeral os artistas somos solidarios.
Cando comezas o cadro, empezas a ter unha conversación con lenzo ata que chega un momento máxico en que parece que te di ‘eh, non me toques máis!’, e entón ti dubidas, aparcas os pinceis, reflexionas, quizais retoques, ata que das o OK. Aí remátase o proceso creativo da Pintura. Pero unha vez que sae do taller, é cando o cadro se complementa coa mirada do espectador, entón é cando realmente se pecha o círculo da obra artística, coa comunicación cos cidadáns.
Unha vez que o cadro sae do taller anda pola súa conta e resgo. Hai pintura que envellece mellor que outra, que co paso do tempo segue a conservar o seu misterio, a súa luz. Por exemplo, o cadro de ‘O Avó Gran-DIDA no sillon’, que pintei no 83, xa pasaron 31 anos. Volvín a velo fai pouco con motivo dunha charla que din sobre el o Día dos Museos, na pinacoteca “Fernández del Riego" (pois é da colección do Museo Quiñones de León) e deume alegría ver que aínda mantén a potencia e a forza expresiva. Eu diría que incluso co paso do tempo mellorou.
A circunferencia -círculo- é unha das figuras xeométricas básicas xunto co triángulo e cadrado. Eu entendo que é a figura democrática por excelencia, porque todos os puntos equidistan dun centro. Tamén podería ser a idea do burato negro, a idea do foco. Pero basicamente é a idea da equidistancia dun punto central. Na procura dese punto central poderíamos atopar a tranquilidade, a sensatez, a Utopía… Esas cousas que tanta falta fan neste mundo ultimamente. Iso é posiblemente o que pretendo expresar co círculo.
Agora estou retomando nos actuais traballos unha sorte de figuración, dende 2010, mais ou menos. Levo varios cadros a un tempo, e aínda teño dúbidas de cómo vai resultar. Estou traballando sen pausa pero sen precipitación… Aínda que eu non diferencio entre figuración e abstracción, penso que a pintura que é pintura…é Pintura…xa desde o primeiro golpe da vista…entornala un pouco e logo abrir ven os ollos.
Manuel Moldes expón o cadro ‘Dida-Avó Indignado’ na exposición colectiva ‘Unha mirada, dous tempos. Pintores de Pontevedra para un centenario’ no Centro Cultural Novacaixagalicia ‘Café Moderno’ de Pontevedra (ata o 19 de xullo). Tamén está exposto o seu cadro ‘Morrendo por non vivir’ na exposición colectiva ‘En plenas facultades II’ no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra (ata o 22 de xuño).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.