Por Lois Pérez Leira | Vigo | 30/05/2014 | Actualizada ás 15:00
María do Amparo Alvajar López naceu, segundo consta na súa partida de nacemento, na cidade da Coruña, o 11 de agosto de 1916. Foron seus pais César Alvajar Diéguez e Amparo López Jeán. A familia Alvajar gozou de gran prestixio na cidade pola súa longa tradición republicana progresista. César Alvajar foi presidente do Casino Republicano, mentres que a súa nai foi membro das Irmandades da Fala, presidiu a Agrupación Republicana Feminina e foi afiliada do Partido Galeguista. Amparo será a primeira filla deste matrimonio. Logo nacerán Javier, María Teresa e Ana María.
A filla maior dos Alvajar era unha adolescente que tiña o corpo estilizado e de faccións moi fermosas. Seu pai, para que puidese ir bailar ao Club Náutico, afiliouna a ela e máis ao seu irmán Javier, co obxectivo de que este lle fixera compaña. En agosto de 1917 seu pai pasou unha tempada preso no castelo de San Antón. Javier, nas súas memorias, lembrará as visitas que a súa irmá lle realizaba ao seu pai:
Miña irmá Amparo, a maior, recordaba ao botero que viña tódolos días a recoller a comida para meu pai e o que invariablemente repetía: “señora, o preso está ben e espera regresar axiña a casa”.
Como era común naqueles anos, os Alvajar estaban intimamente vinculados á masonería liberal daqueles tempos. Tanto César Alvajar coma seu fillo Javier tiveron unha longa actuación nesta vella institución do libre pensamento. O 21 de agosto de 1932, César Alvajar funda a agrupación ‘A Terceira República’ e realiza un mitin no Teatro Rosalía de Castro. Alvajar tiña unha concepción política localista. Realizou distintas campañas en pro da Coruña, solicitando a capitalidade desta cidade. Coa fundación de Unión Republicana, dirixida polo masón Diego Martínez Barrio, Alvajar integrouse neste novo partido.
En 1936 créase a Frente Popular, formada polos partidos republicanos, os socialistas, os nacionalistas cataláns, o Partido Galeguista, os comunistas, etc. Os Alvajar puxéronse a traballar para o triunfo electoral desta fronte.
Amparo vivía estes días electorais con grande ilusión. Polas mañás ía ao seu traballo no concello, e polas tardes trasladábase ao local de Esquerda Republicana, onde colaboraba como secretaria de Casares Quiroga. Co triunfo das esquerdas, Amparo é chamada a Madrid por Casares Quiroga, quen desempeñaba o cargo de ministro da gobernación. Amparo ingresou a traballar para os Servizos Secretos do Ministerio que Casares Quiroga dirixía. A bela moza coruñesa foise convertendo nunha persoa de plena confianza do goberno republicano. Mentres, César Alvajar foi nomeado gobernador civil en Soria.
A partir do fatídico ano 36, comeza a disgregación desta familia. Co estalido da guerra civil, Amparo vive momentos moi difíciles ao carón da plana maior do goberno. Os erros políticos de Casares Quiroga serán decisivos para a derrota do bando republicano. Casares négase a tomar medidas contra os sediciosos e cando lle esixen que entregue as armas para facerlle fronte ao golpe militar, négase a facelo.
Javier Alvajar, seu fillo, conta unha anécdota que lle relatará Amparo:
“Anos máis tarde en París, miña irmá Amparo, que traballaba nos servizos secretos do goberno, contoume que varios meses despois de comezada a guerra foi a ver a Casares para lle preguntar que quería que fixese coas copias dos informes que lle pasaban a el como presidente do goberno, dándolle conta detallada do que se tramaba nos cuarteis, cos nomes e graos respectivos dos conspiradores. A contestación de Casares á miña irmá foi a seguinte: “Amparito, por favor, fai desaparecer eses papeis que demostran a miña culpabilidade”.
No Madrid heroico que resistía baixo o berro de “non pasarán” vivía outro paisano de Amparo moi amigo de Casares Quiroga, o poeta Arturo Cuadrado. O novo intelectual de esquerdas salvara a súa vida ao atoparse o 18 de xullo en Madrid, despois de ter ido, como subsecretario da Comisión do Estatuto da Autonomía, a entregar dito documento ante o presidente da República. Os dous mozos comezaron a verse nos momentos libres. Ao pouco tempo, a amizade converteuse en noivado e xuntos trasladáronse co goberno a Valencia. Nesta cidade casan, sendo o padriño de vodas o destacado dirixente galeguista Alfonso Rodríguez Castelao. O novo matrimonio, despois dunha tempada, trasládase co goberno legal ata Barcelona. Nos últimos meses da súa estadía en Barcelona nace a súa única filla, Silvia.
Ana María Alvajar conta nas súas memorias inéditas, Soltando Lastre, que Amparo marchara para Madrid en marzo do 1936 para colaborar con Casares Quiroga:
“Xamais regresou á Coruña. Non volvín vela até o ano 1965 en París e con motivo do falecemento de meu pai”.
Coa derrota do exército republicano, Amparo e Arturo cruzan os Pirineos ata chegar a Francia; alí os esperará o campo de concentración. Grazas aos vínculos que seu pai ten coa masonería de Francia, logran saír deste lugar. Sen embargo, a desgracia chegará a este matrimonio. A súa filla Silvia, de cinco meses de idade, colle unha enfermidade respiratoria e falece cando o matrimonio se atopa en Tolouse.
Meses despois logran embarcar en Burdeos, no barco Massilia, fretado polas organizacións republicanas da Arxentina. No buque están de pasaxeiros o ex alcalde de Vilagarcía Elpidio Villaverde, na compaña da súa muller e das súas fillas Rosina e Mariví. Rosina cóntanos unha referencia desta viaxe:
“Coñecina no barco Massilia cando o collimos en Burdeos. Viña con Cuadrado, que era amigo do meu pai. Amparo era unha muller moi fermosa. Quen anos despois tiveron unha relación máis estreita ca miña, lémbrana como unha muller moi intelixente. A fermosura de Amparo e a bohemia de Arturo terminaron con esta parella”.
Ao chegar ao porto de Bos Aires, estábanlles agardando un grupo de intelectuais galegos que chegaran antes á Arxentina. Luis Seoane sería o encargado de lle facilitar a súa rápida integración á vida intelectual deste país. Os primeiros anos deste matrimonio non serán nada doados. O recordo da filla falecida e as dificultades de comezar unha nova vida van afastando a este matrimonio, ata que deciden separarse. Amparo viviu neste país ata o ano 1955, adicándose de cheo ao teatro e á actividade intelectual. Segundo conta Luis Seoane:
“Publicou moitos artigos e ensaios encol de problemas do teatro e de Galicia. Fixo numerosas traducións ó castelán de obras de Diderot, Flaubert, Romain Rolland, etc.”.
Mentres, Arturo será un dos editores máis importantes de poesía. Xunto con Seoane, fundaron un senfín de editoriais e revistas. O Instituto de Arte Moderno, que era unha agrupación teatral de Bos Aires, puxo en escena varias obras de Amparo. Entre os éxitos máis distinguidos estivo a estrea da obra Amada y Tú. Esta comedia dramática consta de tres actos que se desenvolven nun clima neboento e poético, nunha vella casa onde tres homes novos namóranse da pantasma dunha adolescente. A obra foi dirixida polo director Marcelo Lavalle e contou cuns actores que anos despois se converterían en primeiras estrelas da escena arxentina. A actriz principal da obra era a famosa actriz Norma Aleandro, de gran éxito internacional. Acompañábana o coñecido actor Emilio Alfaro, o actor vigués Ignacio Quirós e Eduardo Balza. Outra das obras estreada por Amparo, con gran éxito, foi El balcón de los Lester.
Amparo Alvajar casou posteriormente cun avogado arxentino que gozaba dunha boa situación económica, co que se trasladou a México. Anos despois volve separarse, trasladándose a traballar a Nova York como tradutora da ONU. Dos Estados Unidos trasladouse a París, onde traballou como tradutora do Correo da UNESCO. Amparo mantivo en París unha estreita amizade con outra gran muller galega e coruñesa como ela, María Casares. Ambas mulleres tiñas un amor especial polo teatro e ambas sufriran a persecución, por ser fillas de destacados republicanos.
En Xenebra, en 1961, foi directora do equipo de tradución da O.I.T. A súa especialidade era a tradución do inglés ao español:
“En Xenebra -sinala Seoane- foi unha das fundadoras do Grupo Artístico Hispanoamericano e dirixiu a estrea das obras de Moratín, Lope de Vega e Buero Vallejo”.
Tamén realizou innumerables artigos de crítica e ensaios sobre teatro. Entre as obras que dirixiu están Fuenteovejuna, en 1964, Lectura de Os Vellos non deben de namorarse, en 1975, ou Cara de Plata, en 1975.
O editor Carlos Díaz, quen participou naqueles grupos teatrais e coñeceuna durante a súa estadía en Xenebra, relata algúns aspectos da súa personalidade:
“Amparo era unha muller de forte carácter, moi nerviosa, que vivía o teatro con moita paixón. A pesar de que os que integrabamos o elenco eramos todos amateur, ela impoñíanos unha disciplina de profesionais”.
Logo, Carlos Díaz agrega que:
“A Amparo lémbroa como unha persoa culta, dun gran espírito republicano, pero moi marcada pola vida. Lembro que por aqueles anos de loita antifranquista tódolos anos realizabamos campañas para xuntar diñeiro para a loita clandestina. Cada un de nós facía o seu pequeno aporte para a Unión do Povo Galego, que era a organización que por aqueles anos tiña unha actitude máis comprometida con Galicia. Era curioso que Amparo era a nosa máis importante cotizante. Mentres nós poñiamos algúns francos ela sempre nos daba preto de 100 francos, que por aqueles anos era unha cantidade moi importante. A pesar de non ser do noso partido, contabamos con todo o seu apoio económico e tamén moral”.
Amparo Alvajar, cando se xubila, trasládase a vivir a Monçao, xusto na fronteira de Galicia. Alí, contemplando o Miño, mirando día e noite a costa de Salvaterra, viviu recluída os últimos anos da súa vida. Amparo, a pesar da proximidade da súa Galicia natal, non volveu pisar o seu país. As profundas feridas da vida impedíanlle reatoparse cunha paisaxe que tanto amaba pero que lle producía tanta dor.
Amparo Alvajar faleceu na soidade no mes de maio de 1998.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.