A Xunta insiste en que a investigación de Angrois é cousa do Congreso

O presidente di descoñecer o estudo que o Goberno galego lle encargou á Universidade de Cantabria e que foi pedido por un perito designado pola Xunta.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 12/06/2014 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

“Non teño resposta sobre o da Universidade de Cantabria”. Así se pronunciaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao ser preguntado pola contratación, por parte do seu goberno, dun estudo a esta universidade para analizar o accidente do tren Alvia en Angrois.

Tráxico accidente de tren en Santiago de Compostela con vítimas mortais, na véspera do Día de Galicia
Tráxico accidente de tren en Santiago de Compostela con vítimas mortais, na véspera do Día de Galicia

De feito, o presidente galego mantivo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, os mesmos argumentos que tanto el, como os dirixentes do seu partido, teñen explicitado en actos públicos e no Parlamento, que á Xunta non lle compete a investigación, senón que é cousa do Congreso. 

“Este accidente está sendo estudado no congreso dos Deputados dentro da Comisión de Infraestruturas e por suposto este accidente seguro que ao final saberemos con exactitude cal foi a causa principal”, dixo ao ser preguntado por esta cuestión.

Con todo, este mesmo xoves, a Xunta facía pública a contratación dunha investigación dese accidente á Universidade de Cantabria. Foi o 22 de abril de 2014 cando se iniciou o expediente de contratación polo procedemento negociado sen publicidade dun contrato de servizo de análise de avaliación de riscos e sinalización da vía relativa ao accidente ferroviario do 24 de xullo de 2013. O orzamento base de licitación foi de 30.000 euros, mais 6.300 de IVE.

Un contrato pedido polo perito da Xunta

Este contrato da Xunta foi reclamado por un dos enxeñeiros nomeados como peritos xudiciais a proposta da propia Xunta no xuízo sobre o accidente,  o enxeñeiro de Camiños Juan Carlos Carballeira. Como xa publicou David Reinero en El Pais, Carballeira, a pesar de cobrar pola labor de peritaxe, pediu o asesoramento doutro experto nesas cuestións, o catedrático da Universidade de Cantabria Enrique Castelo, para analizar “aspectos delicados” como a sinalización e medidas de seguridade no tramo onde tivo lugar o accidente.

E, a pesar de que estas cuestións están a ser estudadas expresamente por catro peritos enxeñeiros de Telecomunicacións (un independente e tres de parte), o xuíz Aláez considerou “adecuadas” as peticións e trasladounas á Xunta, encargada de sufragar os seus traballos. O mesmo perito nomeado polo Goberno galego pediu tamén e a contratación por outro mil euros dun equipo de topografía para comprobar a xeometría da curva de Angrois.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta