Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2022 | Actualizada ás 16:59
A Deputación de Pontevedra abriu o prazo de inscrición para tres cursos de español destinados a persoas inmigrantes en Vigo e Pontevedra. O prazo para inscribirse no programa finaliza o 26 de abril e haberá 55 prazas dispoñibles. Estas accións formativas, que se iniciaron en 2017, están encamiñadas a que persoas non hispanofalantes poidan superar a proba DELE (Diploma de Español como Lingua Estranxeira) A2. Este diploma é un requisito vital para a obtención da nacionalidade española.
Ademais, a iniciativa subvenciona o custo formativo e a matrícula do exame a través dun convenio coa Universidade de Vigo mediante o Centro de Linguas. Un dos principais obxectivos destas accións é acabar con procesos de exclusión social.
A PARTIR DE MAIO
Os cursos terán unha duración de 40 horas. Arrincarán en Vigo do 18 de maio ao 3 de xuño, de 9:30 a 12:30, con 20 prazas dispoñibles. As actividades restantes celebraranse en Pontevedra e Vigo de 5 a 30 de setembro. Repartiranse 20 e 15 prazas respectivamente e terá un horario de tarde (15 a 17:30).
Os requisitos que se deben cumprir para participar en calquera dos tres cursos son: ser maior de 16 anos, estar empadroado nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra e atoparse nunha situación administrativa regular. Por último, as clases desenvolveranse cun estrito protocolo anti Covid. Tamén se valorará de maneira individual a posibilidade de realizar o curso en remoto se a persoa o necesita.
PROGRAMA TERMAL
A Deputación de Pontevedra anunciou a apertura do prazo de inscrición para participar no programa de termalismo 'Deportermal'. Ofertaranse case 4.500 prazas e foi financiado pola deputación cun investimento superior aos 111.600 euros. O prazo de solicitude para acceder ao programa terá unha duración de 15 días tras o comunicado. Poderase presentar tanto de forma presencial como a través do sitio web da institución provincial (www.depo.gal).
Respecto ao formato do plan, este pode variar. Existe a posibilidade de asistencia diúrna a balnearios (1.248 prazas) con 186 prazas reservadas a persoas en risco de exclusión social. As restantes serán con pase a noite e pensión completa de domingo a venres con 124 reservadas ao colectivo anteriormente mencionado.
Este programa está destinado a persoas nadas antes de 1972, pensionistas ou persoas cun recoñecemento do grao de diversidade superior ao 65%. Deportermal conta con 53 concellos adheridos ao plan e está aberto a novos municipios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.