Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 17/04/2022 | Actualizada ás 11:00
Para manifestar ou dar a entender que non en todas as ocasións van saír ben as cousas, ou que non polo feito de lle saír ben unha cousa unha vez a alguén, lle vai saír sempre ben, en castelán non é raro botar man das secuencias expresivas no todos los días son fiesta e no todos los días son domingo.
En galego, para dar conta do mesmo significado (e entre algunhas outras posibilidades, como imos ver), é habitual recorrer a unha expresión na que se fai referencia á festa do martes de entroido, isto é, a unha festa na que, como excepción, non se traballaba e mesmo se podía ser alguén distinto do que se era na cotiandade do día a día.
No todos los días son fiesta
No todos los días son domingo
{= Secuencias fraseolóxicas con que se dá a entender que non en todas as ocasións van saír ben as cousas, ou mesmo que non polo feito de lle saír ben unha vez unha cousa a alguén, lle vai saír sempre ben.}
Non sempre é martes de entroido
Non todos os días é/son martes de entroido
[E MAIS]:
Non todos os días son (días) santos
Ex.: Tal y como comenzó el campeonato, se pensaba que iba a ganar todas las carreras, pero no todos los días son fiesta.
Tal e como comezou o campionato, coidaba que ía gañar todas as carreiras, pero non sempre é martes de entroido ‡ pero non todos os días é martes de entroido ‡ pero non todos os días son martes de entroido ‡ pero non todos os días son santos ‡ pero non todos os días son días santos.
● Tamén:
Non é/son todos os días martes de entroido && Non todos os martes son días de entroido && Todos os días non son martes de entroido && Non todo o ano é agosto && [E MESMO]: As alegrías non son para todos os días
● E mais tamén:
No es cada día Pascua o Santa María
Santa María non é cada día && A festa do patrón non é cada día
● Mesmo tamén, en contextos:
Non sempre vai a auga ó rego
NOTAS:
1. A voz entroido, coa acepción que presenta nestas secuencias expresivas, tamén se pode grafar en maiúscula, tal e como se indica no DRAG.
2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.
- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/
- Martínez [actualmente, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.