Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2022 | Actualizada ás 22:00
Os connaiseurs do viño saben que a prestixiosa adega Vega Sicilia, a pesar do que suxira o nome, non está en Italia, senón en Valladolid. Probablemente o coñeza tamén Alberto Núñez Feijóo, que entre 2006 e 2013 recibía cada Nadal unha caixa chea deste afamado licor cortesía de Raúl López López, presidente do grupo empresarial Monbús.
Quizais López ignoraba que Feijóo, xa nos anos da universidade, era coñecido por non pedir máis que auga nas escasas noites que cambiaba o piso polos bares. Chegaran ou non a descorcharse esas botellas, o certo é que nos últimos dez anos Monbus conquistou o 80% dos contratos públicos de transporte regular da Xunta, segundo datos de Galibus. Unha fazaña empresarial na que a empresa de Sarria se serviu de compañías familiares vidas a menos para cambiar de cara ante a administración e esquivar a súa normativa anti-monopolio.
En Galicia, as liñas de autobús dependen da Xunta, e, máis precisamente, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Cada certo tempo, a administración autonómica saca a concurso paquetes de traxectos agrupados xeograficamente e senta unhas bases para acceder a eles. Nos contratos, claro, vai incluído un límite de axudicacións por empresa. Pero a Monbús, posuída nun 30% por Abanca, sóbranlle fórmulas para burlar este muro.
Un exemplo: en decembro de 2020 a Xunta adxudicou as liñas de Ferrol sur e Betanzos norte á UTE Hércules del Norte. A compañía fora creada poucas semanas antes da licitación, sen dúbida ex-profeso para esta. Sorprende que a Xunta achegara os permisos para exercer en Ferrol a unha entidade con sede social en Vimianzo, é dicir, a máis de 100 quilómetros da cidade naval. O caso repítese en Betanzos sur ou na do servizo XG-847, no Barbanza. En todos os casos atopamos a Monbús tras o entramado empresarial e os labirintos do Borme.
A compañía de López López valeríase deste recurso legal para acumular liñas que non lle corresponderían no caso de se presentar con nome e apelidos. O grupo de Sarria asegúrase de esquivar os límites das adxudicacións botando man das máis de dez empresas que o conforman: La Hispano Igualadina, Castromil, Transportes la Unión, etc. Deste xeito, as posibilidades de ser apercibidos por unha aparición reiterada decrecen. Sobre o papel, non se trata xa da mesma entidade, aínda que en moitos casos estas compañías non conten sequera con páxina web e os seus autobuses conten co logotipo de Monbus.
O PAPEL DA XUNTA
Inquirida por esta estratexia, a Xunta sinalou en ocasións anteriores que os contratos de Mobilidade estaban en regra, apuntando á ausencia de sentencias condenatorias. Pero é que a propia Xunta estaría a xogar un papel importante nesta trampa á administración autonómica, por paradóxico que pareza.
“En transporte regular houbo tres concesións [nos últimos anos]. A primeira estaba orientada a «empresas ou grupo de empresas». Pero nas seguintes a Xunta sacou esta coletilla, e abriron a porta a que as empresas grandes se fixeran co 100% do mercado”, explica Alberto Paillet, presidente da plataforma Galibus, que agrupa ás compañías máis pequenas dun sector que ameaza con concentrarse en dúas grandes firmas: Monbús e Arriva.
Deste xeito, a empresa estaría a burlar a normativa autonómica apoiándose nos elos máis débiles do sector. A pregunta queda, naturalmente, en que beneficio tiran as sociedades que serven de máscara para a UTE. De acordo con Paillet, é habitual que estas firmas accedan a “asinar un folio en branco” cando se unen a Monbus: “métenos para facer o que a eles non lles interesa; as liñas descolgadas, por exemplo”.
Pero Galicia Confidencial puido contactar cunha destas empresas familiares e rematou recabando unha versión distinta dos feitos. “Nós non damos ningunha liña, todo o servizo é de Monbús”, relata o propietario dunha sociedade afincada en Vimianzo. “Somos convidados de pedra, simplemente”. Preguntado polo beneficio que tiran deste acordo, o home preferiu gardar silencio
O REPARTO DAS AXUDAS
A agrupación en UTEs que tería permitido a Monbús conquistar o 80% do mercado traería consigo un trato cuestionable para as pequenas empresas que acceden a ser fagocitadas. Como toda UTE, estas unións contan cun xestor escollido en liña co nivel de participación na entidade; é dicir, Monbús. Acontece que, á hora de recibir axudas da administración, é tamén a compañía administradora a que as recibe, e, segundo Paillet, estas non chegan ao resto de socios. “As empresas pequenas teñen un prezo pechado por día, así que agora non cobran absolutamente ningunha das axudas que veñan”, explica.
Paillet destaca que, unha vez se lle comunicou esta circunstancia á Xunta, esta preferiu lavar as mans escudándose no carácter privado de tales acordos, “que é certo, pero debían axudar a todo o sector, non sempre aos mesmos”. Con todo, a plataforma de pequenas e medianas empresas non ten reparo en sinalar a responsabilidade da administración autonómica nesta marea de dificultades para os máis pequenos do sector.
A cuestión está nos propios lotes de rutas que Mobilidade saca a concurso. Acontece que os ‘packs’ son demasiado amplos como para que unha empresa pequena poida asumir as esixencias do prego. Paillet cifra en até 50 autobuses a frota esixida pola Xunta, cando a dotación habitual dunha entidade do ‘terceiro estado’ non pasa de dez. “No momento en que hai lotes deste tamaño as empresas pequenas quedan fóra de xogo”, valora, unha impresión que comparte Marta, propietaria dunha entidade familiar ao norte de Ferrol.
O tamaño dos lotes licitados provoca que as empresas máis pequenas teñan que escoller entre quedar a cero ou aliarse con Goliat para, presumiblemente, recoller as migas que resten de tan proveitoso negocio. Porque Monbús, unha vez conquistadas as liñas, estaría a deixar fenecer moitas delas reducindo drasticamente a cantidade de autobuses e frecuencias.
Entidades veciñais e empresariais xa denunciaron á compañía en reiteradas ocasións por incumprir os pregos dos contratos que a converteron na firma número un do país. Pero esas serán cuestións a tratar na segunda parte desta reportaxe, na que, por certo, non se contou coa versión de Monbús e a Consellería de Infraestruturas. A primeira dixo carecer de tempo a raíz das vacacións, a segunda non dixo nada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.