Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/04/2022 | Actualizada ás 21:10
A Associaçom José Afonso (AJA – Galiza) conmemorará o 50 aniversario da estrea pública do Grândola en Compostela para celebrar esta edición da Revolución dos Cravos que acabou coa ditadura en Portugal. O evento, de entrada libre e gratuíta, será este domingo 24 de abril ás 17:00 horas no patio do Burgo das Nacións, no lugar onde foi aquel histórico concerto de 1972, en Santiago de Compostela.
Este acto contará coas actuacións de Falua (Galiza) e de Manuel Teixeira (Portugal), que traerá o repertorio do Zeca, ademais das intervencións de Odilo G. Carnero, presidente da AJA-Galiza; de Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural en Santiago; e do pintor Nolo Suárez, que foi testemuña daquel concerto en que por vez primeira se interpretou en público o Grândola, como recoñeceu o propio José Afonso nunha entrevista, dous anos antes de se converter na consigna do inicio da Revolución dos Cravos.
Ademais, as persoas asistentes poderán ver unha exposición sobre a vinculación de José Afonso con Galiza e os valores da Revolución dos Cravos, con documentación compilada no labor de investigación que realiza a AJA-Galiza. Ao remate do acto, procederase ao canto colectivo do Grândola como un símbolo de irmandade entre Galiza e Portugal.
De xeito paralelo, a exposición “Os cartazes do 25 de Abril” exhibirase no IES de Soutomaior do 22 ao 29 de abril, froito da colaboración da AJA-Galiza con este centro de ensino, coa intención de dar a coñecer desde unha perspectiva histórica, cultural, lingüística e plástica a Revolución dos Cravos ás xeracións máis novas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.