Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/04/2022 | Actualizada ás 22:00
A Xunta priorizará a materia de Relixión no novos currículos derivados da LOMLOE. Unha materia que, ademais, será obrigatoria en Primaria e Secundiaria e tamén no Bacharelato, aínda que, neste caso, dependerá da disposición do centro.
De feito, Galicia introducirá na nova LOMLOE unha materia espello para Relixión --algo que non inclúe a nova lei--. Será o Proxecto Competencial de Centro, cunha carga dunha hora semanal por curso e no que os centros traballarán cos alumnos no desenvolvemento de proxectos desde a fase inicial da idea até a exposición.
Deste xeito, Relixión terá tanta importancia coma Educación Plástica ou Música e Danza en Primaria e será obrigatoria en Bacharelato se así o elixe o centro a diferencia doutras materias coma Bioloxía, Física e Química, Historia da Arte, Movementos Culturais ou Deseño, que serán optativas.
PRIMARIA
En relación ao currículo de Primaria, a Xunta mantén a carga e a distribución horaria en cinco sesións lectivas ao día até un total de 25 sesións semanais, aínda que cun reforzo en áreas STEM e de lingua. En canto ás directrices a nivel estatal, nesta etapa dáse un cambio obrigatorio, que é o desdobre da educación artística en dúas disciplinas: plástica e visual e música e danza; así como a nova materia de Educación e Valores Cívicos e Éticos, que en Galicia se cursará en sexto, cunha carga lectiva dunha hora.
En Galicia, os nenos de Primaria, a partir do próximo curso, terán dúas horas máis de linguas --unha hora máis de galego e unha hora máis de castelán-- e farase unha reestruturación da área de matemáticas, para impulsar os coñecementos STEM a través das Ciencias Naturais.
Para iso, restaranse dúas horas no conxunto da etapa --unha en quinto e outra en sexto-- da materia de matemáticas, e reforzaranse con tres sesións máis as Ciencias Naturais, onde se introduce un bloque completo de contidos STEM --matemáticas, ciencia, tecnoloxía e dixitalización-- desde unha perspectiva aplicada.
CURRÍCULO DE SECUNDARIA
En canto ao ámbito de Secundaria, o obxectivo é establecer a continuidade coa Primaria. Por iso, dixo Román Rodríguez, en primeiro curso de ESO reducirase unha hora de galego e outra de castelán, que se amplían no curso anterior, e introducirase unha nova materia, Tecnoloxía e Dixitalización, con tres sesións semanais en primeiro e outro tres en segundo.
Na ESO introduciranse tamén catro sesións de libre disposición do centro, dúas horas semanais en primeiro e outras dúas en segundo curs. En canto ás optativas do segundo ciclo, ademais das que establece o marco estatal, os alumnos poderán cursar unha optativa autonómica en terceiro e outra en cuarto, con tres horas semanais.
As opcións serán segunda lingua estranxeira, Cultura Clásica, Educación Dixital e Oratoria --terceiro curso--; e Cultura Clásica, Oratoria e Filosofía --que desaparece do plan nacional-- en cuarto, así como unha das non seleccionadas dentro das optativas estatais. Cultura Clásica e Oratoria serán, con todo, excluíntes, isto é, só poderán cursarse como optativas nun dos cursos.
NOVOS BACHARELATOS
En canto ao Bacharelato, a "gran novidade" é o cambio das modalidades dispoñibles, que se amplían. En concreto, os alumnos poderán cursar o bacharelato de Ciencia e Tecnoloxía, o de Humanidades e Ciencias Sociais, o de Artes --que se desdobra en Música e Artes Escénicas ou Artes Pásticas, Imaxe e Deseño--, ou o Bacharelato Xeral, unha figura á que, admitiron os responsables da Educación en Galicia, non lle ven "moito sentido".
Todas as modalidades terán unhas materias comúns, unhas específicas da modalidade e unhas optativas, que son as que puido definir a Comunidade.
Entre os cambios que introduce Galicia está o aumento dunha hora en Educación Física, con respecto ao deseño do Estado. Ademais, en primeiro e segundo haberá unha optativa autonómica "potente", cunha carga lectiva de catro horas semanais, que buscará "dotar de maior especialización e maiores coñecementos crave aos alumnos", así como "xerar itinerarios formativos vertebradores" con elementos competenciais.
Aínda que nestes momentos están a pecharse os contidos destas optativas, Román Rodríguez xa fixo públicos os nomes: Anatomía Aplicada, Cultura Científica, Antropoloxía, Segunda Lingua Estranxeira, Literatura Galega do Século XX e a Actualidade e Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.