Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 01/05/2022 | Actualizada ás 11:00
Malia saírmos fóra do que é o terreo estritamente fraseolóxico (como, por outra banda, xa temos feito noutras ocasións), e a fin de tentar pechar máis ou menos, na medida das nosas posibilidades, o círculo semántico principiado na anterior entrega en volta da locución castelá *hacer la pelota, imos neste artigo chantarlles o dente ós xeitos de dicir que temos en galego para dar a entender que unha persoa é moi amiga de adular, que é moi amiga de facer comentarios ou realizar accións que agraden a outra persoa co obxecto de intentar tirar algún proveito desta.
Ser un pelota # pelotillero
Ser un quitamotas
{= Ser unha persoa excesivamente aduladora, e mesmo ás veces servil, coa intención de tirar en troco algún tipo de proveito.}
Ser un paraxismeiro
Ser un manteigueiro
Ser un lambespiñas # un chuchaembigos # un xunguerraposas # un lambecodias
Ser un puxasacos
Ser un paxarolo # paxaroleiro
Ser un candongo # candongueiro
Ex.: Nadie se fía de ella. Todos saben que es una pelotillera que solo busca medrar en la empresa.
Ninguén se fía dela. Todos saben que é unha paraxismeira ‡ unha manteigueira ‡ unha lambespiñas ‡ unha chuchaembigos ‡ unha xunguerraposas ‡ unha lambecodias ‡ unha puxasacos ‡ unha paxarola # unha paxaroleira # unha candongueira que o único que busca é medrar na empresa.
Ex.: Chaval tan rastrero y pelota no lo he visto nunca.
Paisano tan rapeño e paraxismeiro ‡ manteigueiro ‡ lambespiñas ‡ chuchaembigos ‡ xunguerraposas ‡ lambecodias ‡ puxasacos ‡ paxarolo ‡ paxaroleiro ‡ candongo ‡ candongueiro na vida o vin.
● Tamén, nesta mesma liña:
Ser un chufón # un adulón # un lambefariñas # un lambefoulas
● Tamén, asociadas a ámbitos de uso máis familiares e coloquiais:
Ser un lambeculos
Ser un lambecús # lambecricas # lambeconas # lambecarallas
● Tamén, asociadas a rexistros máis coidados:
Ser un adulador # halagador
Ser un adulador # afagador
● E incluso tamén, en contextos, e podendo ocupar tanto os espazos de uso da voz castelá zalamero coma da voz pelotillero, sobre todo naqueles casos en que máis ou menos ambas poidan cadrar ou se poidan solapar:
Ser un zalamero && [E MESMO]: Ser un cumplimentero
Ser un solermeiro # aloumiñeiro # loamiñeiro # lamieiro # lambereteiro && [E MESMO]: Ser un requisiteiro # cumprimenteiro # meiroeiro
● Mesmo tamén, igualmente en contextos, e sobre todo dando a entender que se trata de persoas que pretenden quedar ben con todo o mundo:
Ser un pastelero
Ser un compangueiro # presenteiro # mingamona # quedabén
NOTAS:
1. Coma xa comentabamos na anterior entrega, obsérvese a evidente relación entre a voz puxasacos e a locución fraseolóxica puxarlle o saco a alguén, así como entre o verbo amanteigar e o nome (no sentido de que tanto pode funcionar como substantivo coma como adxectivo) manteigueiro.
2. As voces lambefariñas e lambefoulas tamén se rexistran co significado, grosso modo, e coa nosa propia definición, de “(persoa) avarenta e ambiciosa que se adoita arrimar a outra para tentar tirar proveito dela”, significado que, ó cabo, vén a presentar relación co que nos ocupa no presente artigo.
E verbo de chufón, téñase en conta que tanto se pode aplicar á persoa que chufa a alguén ou lle fai a rosca coma a aquela que bota por ela e gusta de presumir ou fanfurriñar.
Polo que atangue a candongo –e neste caso temos que recoñecer que estamos profundamente influenciados polo que é a nosa fala natural–, tal e como se pode observar, evitamos incluír esta voz en feminino no primeiro dos exemplos, xa que candonga pode tamén referirse a unha pendanga, polo que preferimos obviala en prol de evitar posibles malas interpretacións.
3. Polo que atinxe á voz meiroeiro (tirada do Glosario de voces galegas do profesor Constantino González), resulta obvia a súa conexión coas voces meiro e meiró (que basicamente veñen a cadrar –ó igual cás sinónimas meco e bioco– coa castelá mimo1, nas tres primeiras acepcións desta).
4. E por ver de ampliar un bocado máis, e arrequentar, o círculo léxico-semántico destas formas, a voz pelotear do castelán utilizada de xeito intransitivo no sentido de “hacer la pelota” (significado que, por outra banda, non se recolle no DRAE) pode ter en galego, como xa deixabamos entrever no anterior artigo, as correspondencias de paraxismar e paxarolear.
E para acción e efecto de pelotear, isto é, para o peloteo (no sentido que aquí estamos a tratar, pois para o de xogar coa pelota a forma normal entendemos que si sería peloteo, malia non estar inda recolleita no DRAG), coidamos que serían susceptibles de se empregar na nosa lingua (probablemente xunto con outras das que nós non temos coñecemento) tanto paraxisma e paraxismada coma paxaroleo.
Inda que bueno, tal e como temos comentado en máis dunha ocasión, nestes artigos o único que facemos é simplemente fornecer información acerca de posibilidades expresivas da nosa lingua recolleitas, tanto da fala oral coma de fontes escritas, ó longo de anos, mais, obviamente, a quen lle corresponde asentar a norma é ás institucións pertinentes, polo que a información que aquí proporcionamos só ten o carácter de, por así o dicir, referencial, de aí que cadaquén lle outorgue a relevancia ou consideración que coide oportunas.
5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.
- Cuveiro Piñol, Juan: Diccionario gallego. Publicado en 1876. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán. Publicado en 1950. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega. Versión en liña.
- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración:
a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.
b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.
c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.
Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Rodríguez Gil, Francisco Javier: Diccionario gallego-castellano. Versión manuscrita (1855) e versión publicada en 1863 consonte a edición preparada por Antonio de la Iglesia González. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.
- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.