A Garda Civil intensificará en Galicia o control de motocicletas e ciclomotores para reducir feridos e falecidos

O ano pasado, o 16% dos mortos en sinistros viarios eran usuarios de motos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/04/2022 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

A Garda Civil en Galicia elaborou un "plan específico" para as estradas galegas no marco do que intensificará o control de motocicletas e ciclomotores co obxectivo de "reducir o número de feridos e falecidos" na rede viaria. Segundo informou o Instituto Armado, trátase de mellorar a seguridade de motoristas en cumprimento dos obxectivos operativos marcados pola 'Estratexia de Seguridade Viaria da Dirección Xeral de Tráfico'.

Control da Garda Civil de Tráfico
Control da Garda Civil de Tráfico | Fonte: Garda Civil.

En Galicia, o ano pasado 2021, o 16 por cento dos falecidos en sinistros viarios neran usuarios de motocicletas, informou o Instituto Armado. Na comparativa co resto de España, case o oito por cento dos motoristas falecidos o ano pasado fórono nas estradas galegas, sinalou a Benemérita.

Coa chegada do bo tempo, engadiu, "increméntase significativamente o número de usuarios que fan uso deste tipo de vehículos", sobre todo en desprazamentos de lecer, o que, avisa, "provoca un aumento no número de sinistros deste colectivo vulnerable".

O obxectivo, segundo a Garda Civil, "é conseguir que a circulación polas estradas galegas sexa totalmente segura para todos os usuarios". "Para iso tentaremos garantir a seguridade viaria, erradicando a circulación arriscada e perigosa de motocicletas e ciclomotores, así como a de usuarios doutros vehículos que as poñen en risco", advirte.

Para iso, indicaron, "levarán a cabo as accións necesarias para reducir a sinistralidade e así evitar no posible as consecuencias que leva para os usuarios deste tipo de vehículos".

Deste xeito, intensificarase a vixilancia e control, de forma permanente, en vías convencionais e naquelas datas e horarios (principalmente sábados tarde, domingos e festivos, de maneira especial con meteoroloxía favorable), nos que "existe un incremento notable de circulación deste tipo de vehículos e especialmente, unha maior sinistralidade e existencia de infraccións".

"Con especial atención á condución temeraria, os excesos de velocidade, o adiantamento antirregulamentario e a insuficiente distancia de seguridade", abundou. E prestaranse servizos específicos de control de velocidade, realizaranse dispositivos de verificación de alcol e drogas e especialmente traballarase na detección e prevención de conducións arriscadas ou perigosas.

"Unha preocupación motivada polos 78 motoristas detectados superando as taxas de alcol permitidas ou con presenza de drogas no organismo durante o primeiro trimestre de 2022", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta