A explotación mineira da Penouta, unha ameaza para o espazo protexido de Pena Trevinca

Ecoloxistas en Acción denuncia que esta mineira continúa vertendo residuos nos regos da zona, a pesar de numerosos procedementos sancionadores.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/04/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Logo dunha nova denuncia de Ecoloxistas en Acción contra a titular da mina de estaño da Penouta, a canadense Strategic Minerals, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ven de iniciar novas dilixencias por vertidos con elevadas concentracións de metais pesados, que afectan a varios regos situados en plena Rede Natura 2000.

A mina de estaño da Penouta, en Viana do Bolo, é propiedade da canadense Strategic Minerals
A mina de estaño da Penouta, en Viana do Bolo, é propiedade da canadense Strategic Minerals | Fonte: Ecoloxistas en Acción

“A mina da Penouta é un gran foco de contaminación de metais pesados dos regatos da contorna de Pena Trevinca, en Rede Natura 2000. Isto é provocado polas características xeoquímicas do xacemento pero sobre todo polo incumprimento por parte das sucesivas concesionarias e da administración das súas obrigas en materia de restauración do espazo afectado pola actividades mineiras", indica Ecoloxistas en Acción.

Este é o cuarto expediente sancionador por vertidos iniciado desde 2018, acumulando a mineira sancións unha trás doutra, sen calquera efecto disuasorio, unha vez que a actividade ven recibindo cuantiosas subvencións europeas a pesar de non producir nada. A pesar das advertencias e alegacións de Ecoloxistas en Acción, a Xunta de Galicia dictou en marzo pasado unha Declaración de Impacto Ambiental favorable que permitirá á empresa iniciar unha grande mina a ceo aberto, incrementando os impactos ambientais.

SANCIÓNS

Xa en 2018, a Confederación Hidrográfica sancionou a Strategic Minerals, pola vertedura directa, sen autorización administrativa, de augas de escorremento procedentes da explotación  mineira ao leito do rego da Treita de Cortiñas. Meses despois, o mesmo organismo hidráulico voltaba a sancionar á empresa polas verteduras derivadas da falla crítica dunha das balsas da explotación, unha vez máis causando danos ao dominio público hidráulico. A continuación en 2021, mentres se realizaba a avaliación de impacto ambiental do novo proxecto, foi imposta unha sanción máis polo derrame de lodos afectando ao rego da Treita de Cortiñas e ao río do Rosario.

Ecoloxistas en Acción lembra nun comunicado que, segundo informes que posúe a administración galega,  as masas de auga  de Treita de Cortiñas, Rego de Valdafranca e Rego dos Corvos superan en varias ordes de magnitude os valores máximos permitidos para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo, todas elas substancias perigosas prioritarias, altamente tóxicas e no caso dalgunhas delas canceríxenas. "A contaminación ten afectado ás propias captacións de auga da vila de Viana do Bolo, onde xa se tivo que interrumpir o subministro", critica. A organización ecoloxista mesmo lle fixo chegar ao Concello de Viana un informe sobre os impactos na saúde que pode provocar a exposición prolongada a estas substancias tóxicas.

Os ecoloxistas subliñan que toda a zona atópase nun "estado de contaminación grave" por metais pesados. "Unha situación que ven a empeorarse polas continuas verteduras procedentes da actividade mineira autorizada pola Xunta, ata o momento consistente no reprocesado dos materiais das antigas balsas, máis que á vista das inexistentes producións, apenas foi unha tapadeira para garantir a obtención dos dereitos para a explotación a ceo aberto que a mineira canadiana ven de anunciar este mesmo ano", engaden.

A mina, segundo advirten, encóntrase enclavada dentro do espazo natural Rede Natura Pena Trevinca, de modo que se se chega a autorizar a explotación a ceo aberto, o que podería acontecer nos próximos meses, a contaminación de metais pesados sobre a ZEC Pena Trevinca (ES1130007) e ZEPA Pena Trevinca (ES0000437) será devastadora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta