Por E.P. | OURENSE | 01/05/2022 | Actualizada ás 18:17
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse coa nova alcaldesa de Riós, Eva Barrio (PP) que tomou posesión do seu cargo o pasado 23 de abril tras a dimisión do seu compañeiro de filas Francisco Armando Veiga, e estudará futuras vías de cooperación con este municipio.
Así, a rexedora trasladou as liñas estratéxicas do seu goberno municipal a Baltar, que a felicitou "pola responsabilidade que asume ante os seus veciños" e desexoulle "moitos éxitos na súa xestión". Eva Barrio agradeceu a colaboración da Deputación e a "boa disposición" do presidente da institución provicial co Concello de Riós, para o que sería "imposible" pór en marcha moitas obras e servizos sen esa axuda.
Baltar e Barrio aproveitaron o encontro para repasar as actuacións realizadas no municipio con colaboración da Deputación, como o convenio para o Centro Agroforestal, accións de mellora da empregabilidade dos mozos, incorporación dun condutor para unha máquina de rozado, a achega ao Plan Marco 2022-2023, a construción do centro de día ou a rehabilitación de vivendas sociais en Castrelo de Cima.
A rexedora presentou a Baltar algúns proxectos nos que traballa o goberno local e as necesidades de financiamento para a posta en marcha do centro de día, o acondicionamento e humanización do barrio de Marmolín e do camiño da igrexa, ou o arranxo da estrada que une A Veiguiña e Valfarto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.