Por E.P. | A CORUÑA | 02/05/2022 | Actualizada ás 17:10
O municipio de Dumbría acollerá o 28 de maio o encontro cultural e musical Festival Vákner, que contará co apoio da Deputación da Coruña.
Na súa sede, tivo lugar a presentación deste encontro musical e cultural coa presenza, entre outros, do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e do vicepresidente, Xosé Regueira, así como o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeno, e Bieito Romero, líder de Luar na Lubre.
Tamén asistiron representantes dos concellos polos que pasa o Camiño a Fisterra-Muxía e os demais integrantes do grupo Luar na Lubre, que deleitou ao público cunha canción sobre o encontro de Mártiros coa figura mitolóxica do Vákner.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, incidiu en que "se este festival encaixaba nalgún sitio da provincia, era na Costa da Morte" e destacou a recuperación de lendas, historia e mitos a través da iniciativa. Pola súa banda, o alcalde de Dumbría e deputado provincial, José Manuel Pequeño, explicou que o Festival Vákner é "un acontecemento histórico e fundamental para a Costa da Morte, é arte, cultura, lendas, historia, economía e turismo".
RECLAMO TURÍSTICO
Á súa vez, Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, agradeceu a aposta polo festival e afirmou que "o recurso do Vákner vai ser unha marca e reclamo turístico moi importante para a zona e tamén para Galicia". O Festival contará con Luar na Lubre, Víctor Manuel, Ismael Serrano, Alexandra Suárez, Gaiteiros de Buxantes e, o último confirmado, Carlos Goñi, líder de Revólver.
Por outra banda, a Deputación da Coruña está a traballar nun proxecto de turismo literario que vertebre a provincia a través da literatura e e a sitúe en rutas turísticas literarias a nivel europeo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.