"Regularización xa!": o berro de miles de migrantes sen papeis por unha "vida digna"

Organizacións antirracistas en Galicia procuran en torno a 10.000 sinaturas para conseguir levar ao Congreso unha Iniciativa Lexislativa Popular coa que sacar da exclusión social, económica e política a todas as persoas que se atopan nunha situación de desamparo institucional.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Liliana (Lima, 35 anos) hai dous meses que chegou a Galicia fuxindo da precariedade, delincuencia e ameazas de morte que sufriu no seu país de orixe. Vive en Ferrol canda a outras persoas migrantes na súa mesma situación: ela non poder traballar, alquilar un piso, abrir unha conta no banco ou ter unha tarxeta sanitaria. "Somos persoas anuladas, sen nome, á espera de ser recoñecidas polo sistema", explica. Por diante quédanlle, como mínimo, en torno a ano e medio ata conseguir a documentación que a coloque na legalidade, mais recoñece estar "morta de medo". Chegálle información de que Estranxeiría está rexeitando múltiples solicitudes de regularización ante a emerxencia derivada da guerra ucraína.  

Pintada pola regularización das persoas en situación administrativa irregular
Pintada pola regularización das persoas en situación administrativa irregular | Fonte: regularizacionya

A Ana (Colombia, 46 anos) denegáronlle no 2018 asilo político no Estado español a pesar de ter vivido unha situación de persecución política e secuestro de cinco anos no seu país por parte de forzas paramilitares. Desde ese ano en que chegou a Ferrol, segue agardando polos papeis que a recoñezan como cidadá con plenos dereitos. O dela, que traballa como interna nunha casa da zona, é o único soldo que chega ao seu fogar, no que convive cos seus tres fillos e o seu marido, tamén chegados de Colombia. "Ter papeis cambiaríame a vida. Os meus fillos poderían estudar e traballar, poderiamos sacar o libro de familia... Eu sentiríame millonaria neste país se puidera un día ter unha casiña humilde onde meterme cos meus fillos". 

O de Ana e Liliana son só dous casos dos máis de medio millón de persoas no Estado que se atopan en situación administrativa irregular. Delas, seis de cada catro son mulleres, un de cada catro son menores e só o 11% son de orixe africano, un dato que desmonta o estereotipo creado sobre as persoas migrantes. Trátase dunha realidade que escapa ás estatísticas oficiais, pero a base de datos do Servizo Galego de Saúde permite afirmar que en Galicia, a 2021, un total de 12.623 persoas estaban en situación irregular, e outras 3.237 tiñan o estatus de solicitante de protección internacional. 

ESENCIAIS, PERO SEN DEREITOS BÁSICOS

Empregadas do fogar, moitas en réxime interno, coidadoras en residencias de maiores, traballadoras na gandaría e na agricultura, caixeiros no supermercado, camareiras... As persoas migrantes e racializadas ocupan algúns dos postos máis precarizados e peor pagados do Estado. Aqueles que, paradoxicamente, a pandemia colocou no centro en tanto que "esenciais" para o desenvolvemento da vida: elas foron quen aseguraron a comida que chegaba aos nosos pratos e quen coidaron das persoas máis vulnerables nun momento de emerxencia sanitaria. Esenciais, pero sen dereitos.

Recollida de firmas en Galicia pola regularización das persoas en situación irregular
Recollida de firmas en Galicia pola regularización das persoas en situación irregular | Fonte: Regularizacionya

E é que a vida das persoas a quen o sistema relega a unha situación de irregularidade administrativa volveuse máis complicada, se cabe, desde ese 2020 en que, quen puido, tivo que quedar pechado na casa. Precisamente ao abeiro do confinamento naceu no Estado 'Regularización ya', un movemento autoxestionado por persoas migrantes e antirracistas que aparece cun obxectivo claro: "escribir a nosa propia historia e defender os nosos dereitos, por xustiza social". 'Regularización ya' atópase agora no medio dunha campaña de recollida de firmas [aquí as opcións de sinatura] para impulsar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) coa que sacar da exclusión social, económica e política a esas máis de 500.000 persoas que agora se atopan nunha situación de desamparo institucional. 

CUESTIÓN DE VONTADE POLÍTICA

"Vemos que cando hai vontade política, pode facerse unha regularización extraordinaria", detalla Soledad Lucero, fundadora da asociación Movilidad Humana en Ferrol e membro da coordinadora galega do movemento, que conta en Galicia co apoio de sindicatos como CIG e CUT e organizacións como SOS Racismo Galicia, Foro Galego de Inmigración, Resistencia en Terra Allea, Avante LGBT+ ou o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

Lucero, que chegou de Quito (Ecuador) hai máis de dez anos, axuda agora a outras moitas mulleres que, como ela, quedaron nun "limbo burocrático" ao poñer un pé no Estado español e precisan de asesoría e, sobre todo, acompañamento emocional no longo proceso ata regularizar a súa situación. E fala de "vontade política" porque o compromiso do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para poñer en marcha mecanismos a través dos que dar papeis en menos de 24 horas ás persoas chegadas de Ucraína érguese como exemplo para moitas organizacións antirracistas de que "se se quere, pódese". 

"Non hai comparativa", precisa Lucero. "Trátase de dereitos fundamentais para as persoas en xeral". "Intentamos visibilizar a situación das persoas migrantes e racializadas, e facémolo porque queremos dicirlle á clase política cales son as nosas realidades: a lei de Estranxeiría é inhumana, vulnéranos moito máis". Lucero detalla que se trata dun procedemento complexo, duro e cuns requisitos inasequibles para as persoas migrantes, tanto de carácter económico como laboral, posto que esixe a firma dun contrato a xornada completa durante un ano. "Hai compañeiras que estamos anos intentando conseguir este traballo para poder regularizarnos, e durante ese tempo somos invisibles para o sistema español, quedamos sen dereitos".

Nesta situación, en que o acceso á vivenda, á sanidade pública ou a calquera mínimo trámite básico para o día a día se volve un mundo, hai quen traballa como empregada do fogar ou no campo de maneira precaria. "Nós non somos vulnerables, vulnerabilízanos esta lei que non nos permite vivir con dignidade. Se somos inexistentes, non se nos permite nin sequera o dereito á queixa, non gañamos o salario mínimo que establece o Estado español, non temos vacacións... Hai moitas internas escravizadas", denuncia Lucero. Elas traballan na invisibilidade dos empregos feminizados, sen poder reivindicar dereitos ou sindicarse.

CONTRA OS DISCURSOS DO ODIO

A campaña impulsada por 'Regularización ya' precisa 500.000 firmas en todo o Estado para conseguir que a ILP entre no Congreso e sexa debatida, un fito que marcaría "un antes e un despois" na loita antirracista, xa que "poderiamos argumentar que a regularización pode darse dentro dun marco xurídico", explica Lucero. En Galicia, o movemento procura unhas 10.000 firmas, e conseguiron polo de agora a metade delas. "Está custando", recoñecen. "Hai uns discursos de odio xenófobos e racistas moi violentos, cada vez máis descontrolados. Estamos organizándonos con avogados para coidarnos e autocoidarnos, porque estamos poñendo o corpo nesta campaña, e está sendo duro, pero temos forza".

Estes discursos, "potenciados" por unha extrema dereita con voz no Estado, cóanse mesmo nos actos de recollida de firmas. "O 1 de maio, que é do pobo, sorprendeunos que houbese xente que se negara a firmar ou que nos fixera algún comentario como 'por que traballo para vós e non para nós?'. É máis duro atopalos nestes espazos de defensa por dereitos laborais dignos", di Lucero, que observa que "se perde completamente a visión dos dereitos humanos, que debe estar por riba de cores políticas e sindicatos". 

Fronte ás violencias verbais alimentadas de bulos e desinformacións, dende o movemento 'Regularización ya' achegan unha serie de razóns polas que firmar, entre as que falan de memoria e reparación histórica, e tamén en termos económicos: non regularizar as persoas migrantes supón a "perda dunha gran achega económica e fiscal para o conxunto da sociedade". "Unha regularización aflorará, rapida e eficazmente, o gran potencial dos seus impostos directos e das contribucións de empregados e empregadores ao sistema de Seguridade Social", recollen.

A Soledad Lucero gústalle dicir que traballan pola "visibilización amorosa" e en termos de "dignificación": "Non vimos para saturar servizos sociais, nós achegamos man de obra moza, con forza e experiencia, que aquí se precisa. Témolo máis ca demostrado nos campos, no coidado dos nenos, dos anciáns. Aí estamos. Con todo o amor do mundo". 

PUNTOS FÍSICOS PARA FIRMAR 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta