Galicia segue perdendo poboación, con 18.000 mortes ao ano máis que nacementos

A chegada de estranxeiros fai que o impacto poboacional sexa menor.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2022 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

A poboación galega diminuíu en 5.319 persoas en 2021 debido a rexistrar un saldo vexetativo (nacementos menos defuncións) de -18.057 habitantes, quedándose nos 2.691.557 galegos a 1 de xaneiro de 2022.

Segundo datos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press, Galicia rexistrou o ano pasado -18.057 mortes máis que nacementos. Con todo, o saldo migratorio exterior foi positivo, con 9.116 persoas, do mesmo xeito que o interior, con 3.747 persoas. Isto permitiu ao país pechar o 2021 con só 5.319 habitantes menos.

Desta forma, Galicia diminuíu un 0,20% a poboación, a diferenza que a media de toda España, onde os habitantes creceron un 0,07%, é dicir, en 34.110 persoas máis.

A nivel estatal, España pechou 2021 nos 47.432.805 habitantes, cun saldo migratorio positivo de 148.677 persoas, que compensou o saldo vexetativo negativo de 113.023 habitantes. Murcia (+0,63%), Comunidade Valenciana (+0,50%) e Canarias (+0,36%) experimentaron os maiores crecementos de poboación. No lado contrario atopáronse Aragón (-1,14%), Ceuta (-1,18%), Melilla (-0,98), Asturias (-0,66%) e Estremadura (-0,44%).

A vellez comeza a ser habitual nas zonas rurais, onde vive a xente maior e marcha a máis nova
A vellez comeza a ser habitual nas zonas rurais, onde vive a xente maior e marcha a máis nova | Fonte: Matteo Bertolino

DATOS POR PROVINCIAS GALEGAS

Con todo, Galicia perdeu en 2021 case dous de cada 100.000 habitantes (-1,98), sendo as provincias de Lugo e Ourense onde o descenso foi máis acusado, -6,52 e -3,44, respectivamente. O resto de provincias tamén perderon poboación, pero en menor medida (A Coruña, -1,40 e Pontevedra -0,62 por cada 100.000 habitantes).

Todo iso despois de que o saldo vexetativo fose tamén negativo en todas as provincias. En concreto, en Ourense só naceron 297,83 bebés por cada mil mortes, mentres que en Lugo este dato foi de 323,24 nenos. Na Coruña, 475,71 bebés e en Pontevedra, 552,99 criaturas.

A media da poboación galega en 2022 é de 48,01 anos, superior a 2021, cando ese dato se situaba nos 47,74 anos. Por sexos, os homes teñen de media 46,38 anos e as mulleres 49,53 anos. Pola súa banda, o índice de envellecemento, que expresa o cociente entre as persoas de 65 anos ou máis entre as persoas menores de 15 anos, foi do 309% en Ourense, e do 278% en Lugo. Na Coruña foi do 204% e en Pontevedra de case o 181%. Sobe en todas as provincias galegas respecto de 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 SNKg

E non podiades explicar mellor a noticia con datos claros???.Número de navementos, número de montes, emigrantes,....

1 Giovani

O número de montes non é relevante