Rueda insiste en eliminar a Tarxeta Básica coa que familias vulnerables podían mercar alimentos

O presidente da Xunta recalcou que a súa intención é "seguir mantendo axudas" e, "por suposto, se fose necesarias máis", aprobaranas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2022 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu a xustificar este xoves a decisión do Goberno galego de eliminar a Tarxeta Básica, coa que familias vulnerables podían adquirir alimentos e produtos de hixiene, porque "era unha medida extraordinaria para un tempo concreto" que "xa non se dá", como foi o confinamento pola covid-19.

"Tomouse esa decisión e explicamos no seu momento cales eran os motivos: unha situación excepcional, a época de covid e falta de circulación e, por tanto, a imposibilidade de traballar (...) e de xerar recursos", insistiu, ao ser preguntado sobre as críticas da oposición --BNG e PSdeG-- e diferentes colectivos por retirar esta axuda.

Con todo, Rueda insistiu en que o seu Goberno "mantén o resto de medidas" que apoian a colectivos desfavorecidos, entre as cales mencionou o bono social térmico e a Renda de inclusión social de Galicia (Risga). Ademais, avanzou que en "próximos días" a Xunta destinará 7,2 millóns de euros para colaborar con entidades que atenden a "persoas en situación de pobreza".

Neste contexto, o presidente autonómico recalcou que a súa intención é "seguir mantendo axudas" e, "por suposto, se fose necesarias máis", aprobaranas.

Ao fío de todo iso, Alfonso Rueda asegurou que "non hai mellor axuda que reducir a fiscalidade". Desta afirmación serviuse para lembrar que o Goberno central pode aprobar baixadas de IVE e dos impostos sobre os carburantes, solucións que as comunidades están "dispostas a soportar" pero que "parece que non se producen".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 07/07/22.. XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 07/07/22.. XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta