Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 18/07/2022 | Actualizada ás 19:25
O sindicato Satse en Pontevedra advertiu á xerencia da área que a falta de profesionais en Atención Primaria provocou que as urxencias do hospital "colapsen" ante a "falta de persoal de enfermaría" para coidar os pacientes que, a día de hoxe, están "pendentes de cama".
En concreto, Satse urxiu á xerencia a buscar "unha solución inmediata" no servizo de urxencias e PAC da área pontevedresa, tras os "colapsos" que --sosteñen-- manteñen "46 pacientes á espera dunha cama" e que teñen que ser atendidos por profesionais de enfermaría que "soportan unha carga brutal de traballo pola falta de efectivos".
Satse pon o foco en Atención Primaria e incide en que "non se están cubrindo nin o 50% das ausencias", o que "acaba repercutindo en urxencias".
Para o sindicato, a solución podería pasase pola contratación de máis persoal de enfermaría, pero remarcan que non hai "dispoñibles" xa que decidiron irse a áreas "onde lles ofrecen mellores contratos". "Non contratos de quince días, senón contratos dun mínimo de seis meses, que sen ser o ideal achégase máis aos contratos dun ano que vimos reclamando para evitar estas situacións", sinalan.
A situación é "tan precaria" na área sanitaria que Satse afirma que as supervisoras lanzaron "un SOS" ás enfermeiras para que "regresen antes das súas vacacións" e "dobren quenda" pola falta de profesionais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.