Os brigadistas, colapsados: "Hai quen está traballando ata 16 horas no lume, non se pode tolerar"

A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais demanda aumentar os recursos humanos para poder desenvolver traballos de prevención durante os invernos e evitar vagas de incendios coma a que atravesa agora mesmo Galicia.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A vaga de incendios iniciada o pasado xoves está golpeando con forza as provincias de Ourense e Lugo. Os lumes máis grandes - no Courel e Valdeorras - avanzan sen control e continúan calcinando terreo. Son xa, no conxunto, unhas 20.000 hectáreas afectadas e unhas 1.400 persoas desaloxadas en 80 núcleos de poboación pertencentes a estas dúas localidades. As brigadas traballan sen descanso e diferentes sindicatos e organizacións denuncian abusos, xornadas maratonianas, falta de comida e bebida e a existencia dalgún distrito forestal sen persoal. 

Axentes das Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) realizan labores de extinción nas inmediacións dun incendio, a 15 de xullo de 2022, en Samos. Carlos Castro - Europa Press
Axentes das Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) realizan labores de extinción nas inmediacións dun incendio, a 15 de xullo de 2022, en Samos. Carlos Castro - Europa Press

Dende a Asociación de Traballadores de Incendios Forestais (ATRIFOGA) levan anos denunciando que a política forestal da Xunta de Galicia "non funciona" e poñendo no foco a necesidade de aumentar os recursos humanos e materiais para facer fronte aos incendios forestais que asolan cada ano Galicia. Falamos con Roi Bañón, bombeiro forestal condutor de motobomba e vogal por Pontevedra de ATRIFOGA. El, coma moitos dos seus compañeiros, é traballador fixo-discontinuo tan só durante seis meses ao ano. Este luns enfrontou o lume en Oímbra. 

Que valoración facedes dende ATRIFOGA da actual vaga de incendios?

O que está acontecendo pasa todos os anos, pero levamos tres veráns moi tranquilos de bastante frío e choiva e chama a atención que veña de golpe. A provincia de Ourense historicamente sofre moitos incendios, non é novidoso. Con todo, este é un ano moi seco, coincidiron varios incendios á vez que viñeron demasiado pronto e o dispositivo viuse desbordado e descontrolado porque as zonas son de moi difícil acceso. A tormenta prendeu varios á vez no Courel e outros entraron dende Portugal cara a Ourense. Isto unido aos habituais, volveu a situación difícil. 

O conselleiro de Medio Rural, José González, dicía hoxe que o comportamento que presentan estes incendios nunca se vira en Galicia, sobre todo nas horas centrais do día, onde "quedan fóra de capacidade de extinción", segundo as súas palabras. Que diferenzan os incendios de hai anos a estes que sufrimos agora?

Os incendios hoxe son máis grandes e virulentos por culpa da despoboación rural, a falta de mantemento do monte e o clima. Ao non vivir a xente no rural, queda todo abandonado e a propagación dos lumes é moito máis grande ca antes, que sempre aparecía unha finca, un campo ou unha horta na que era moi fácil paralos. Agora hai unha continuidade de masa forestal moi grande e cando o incendio colle forza resulta moi complexo detelo. De feito, o número de incendios anuais diminuíu moitísimo con respecto aos anos oitenta e noventa, o que pasa que se controlaban máis facilmente. Hoxe hai menos, pero moito máis virulentos. Nisto tamén inflúe que o verán dura catro ou cinco meses, e veñen épocas en abril e marzo que son moi secas. 

Onte estiveches traballando na zona de Oímbra. Que atopaches? Como é traballar nestas condicións? 

Atópaste zonas que están prácticamente abandonadas ou onde vive fundamentalmente xente maior. Nestes casos, cando hai un incendio apenas hai accesos. 

En que condicións se está traballando agora mesmo ante estes incendios?

En canto a xornadas horarias, nós temos unha xornada de oito horas prolongables a 12 en caso de incendio, pero agora mesmo hai xente que está traballando ata 16 horas no lume. Iso non se pode tolerar porque o corpo non pode máis unha vez que chega ás doce horas de traballo nun incendio. Fisicamente non podes máis. Ademais, cando o dispositivo colapsa e hai descrontrol é bastante difícil xestionar o avituallamento. Por contrato, a partir oito horas, temos dereito a el. Onte facilitóusenos, pero hai sitios onde non se está dando por descoordinación e porque o sistema está colapsado. 

Con que actitude por parte da veciñanza vos atopades?

A actitude da xente con respecto ao dispositivo de incendios cambiou moito nestes últimos anos. Avanzouse moito na profesionalización e a veciñanza empeza a recoñecer que hai un dispositivo de profesionais que intenta facer o traballo o mellor posible. 

Hai falta de persoal?

O persoal que traballa durante todo o ano é o mínimo. Moitos están nove meses ao ano e a metade só está empregado durante seis meses, como é o meu caso. O problema principal é que non se fai prevención ningunha porque cando entramos a traballar dedicámonos á extinción. Temos moi pouco tempo para facer labores de prevención, e no inverno o persoal é claramente insuficiente. Hai moitas baixas e vacantes por xubilación sen cubrir. Eu traballo no distrito XVIII Vigo Baixo Miño, que abarca unha extensión moi grande, e hai en total oito reténs, un dos distritos nos que máis hai, pero en cada un deles no inverno e en calquera época entran entre unha e tres persoas. Pouco se pode facer con ese persoal. Agora no verán estamos entrando os reténs de seis meses tamén cunha ou dúas persoas. O problema é que a Xunta, cando fai o parte dos incendios, fala de brigadas pero non do pouco persoal que conforma cada unha delas.

Que falla na política forestal da Xunta de Galicia para que cada ano acontezan incendios coma estes?

Hai moitas cousas básicas que non se están facendo. É moi fácil ver casas rodeadas de eucaliptos ou maleza. Se vén un lume forte é moi probable que as leve por diante, sobre todo as abandonadas. Non se fai ningún traballo de prevención: faixas de defensa das poboacións, cortalumes, limpeza de pozas de carga de camións de motobomba... É necesario xestionar o territorio e facer economía no rural. A xente marcha ás cidades e cada vez hai menos persoas no interior, todo se vai abandonando. Non se limpa ao redor das casas e desaparecen a sliñas de defensa. Nós tivemos incendios moi grandes no 2017 e cando hoxe das unha volta por esas pistas que arderon, xa non se dá pasado un coche da maleza que medrou. Así é moi difícil parar un incendio. 

Levades anos reclamando medidas que minimicen as dificultades na loita contra os lumes. Cales son esas demandas máis urxentes que trasladades agora á Xunta de Galicia?

Un aumento do tempo de traballo de quen só está empregado nove ou seis meses. Queremos traballar durante todo o ano porque hai traballo de sobra, pero hai que xestionalo ben. Se das unha volta por calquera monte, xa se ve todo o traballo que queda por facer. Xa non só relativo á limpeza de pistas e creación de cortalumes, senón tamén no tema de repoboacións con frondosas caducifolias e autóctonas. Son un montón de cousas as que non se están facendo, e despois atopámonos con isto.

Hai quen di que hai que desbrozar o monte, pero iso en Galicia é inviable, porque coa humidade, aos dous meses crece de novo a maleza. O que se necesita é facer faixas ao redor dos pobos e ao redor das casas, cortalumes, liñas de defensa e puntos de auga. Estase mellorando pero falta moitísimo por facer, e para iso é necesario maior profesionalización e máis tempo de traballo. A Xunta fixo un programa bastante importante no que despregou un montón de cámaras de vixilancia, pero pechou moitas casetas e agora dependemos moito da xente que dea avisos e nos facilite información. É insuficiente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta