Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/08/2022 | Actualizada ás 18:46
O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil reiterou a "necesidade" de facer un uso "responsable e eficiente" da auga durante "o ano hidrolóxico máis seco da serie histórica". Así o fixo saber tras celebrarse a VII reunión da Oficina/Mesa Técnica da Seca da CH Miño-Sil, constituída o pasado mes de febreiro.
Achegan ademais algúns datos, como que a precipitación rexistrada durante este ano hidrolóxico é un 41,8 % inferior á media histórica; os encoros atópanse ao 51,30% da súa capacidade --o que supón un 18,17% inferior á media histórica-- e os caudais circulantes son uns 40,1% inferiores aos habituais para esta época do ano.
Unha vez analizados todos os parámetros, explican, e atendendo ao Plan Especial de Seca (PES), os escenarios actuais son de normalidade tanto no Miño Alto como no Baixo Miño, de Prealerta na conca do Sil Superior e Inferior e de Alerta nas concas dos ríos Cabe e Limia.
"Hai que destacar que estamos ante o ano hidrolóxico máis seco da serie histórica, aínda que, similares ao actual en 2002, 2005, 2011, 2012 e 2017, o que evidencia os efectos adversos do cambio climático", destacan.
Ante esta situación, a Confederación lembra aos concellos algunhas medidas de aforro como evitar o baldeo de rúas, a rega de xardíns e campos de deportes, a eliminación de fontes e mesmo, de ser necesario, valorar restricións horarias de auga.
Na reunión tamén se abordaron as consultas de distintas localidades ourensás e algunha do sur de Lugo sobre a problemática que xorde na gandaría por falta de auga para os animais. Informaráselles, detallan, sobre a forma máis eficiente e rápida de obter unha Concesión Temporal, coas instrucións e os impressos a cumprimentar.
"No transcurso da reunión debateuse, tamén, acerca da necesidade de mellorar as zonas devastadas polos incendios recentes, nas que habería que actuar con rapidez e dilixencia para evitar arrastres e filtracións que alterarían a calidade da auga das canles fluviais e dos acuíferos", explican.
Conclúen que, dadas as predicións que a medio prazo auguran unha situación de seca que se prolongará durante os próximos meses, "é imprescindible, ademais da adopción de medidas, concienciar á poboación desde a Administración local, a máis próxima ao cidadán e competente en materia de abastecemento, lembrándolles que estamos ante un recurso limitado, necesario e dependente das condicións climáticas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.