Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2022 | Actualizada ás 12:37
O Concello de de Pantón (Lugo) corta a subministración de auga desde as 00,00 e ata as 6,00 da mañá para facer fronte á seca, segundo confirmou o alcalde, José Luís Álvarez. Aínda que recoñeceu que a falta de auga afecta "a todos", no caso deste municipio da Ribeira Sacra con estas restricións "debería ser máis que suficiente" para a súa poboación.
Tal e como detallou o rexedor, este concello conta con cinco captacións que funcionan "sen problema". Con todo, Álvarez asegura que, á parte da seca, o que hai "é tamén un uso fraudulento, ou ben por avarías ou ben por cousas descoñecidas que fan que se consuma máis auga do normal".
E é que, a xuízo do alcalde de Ferreira de Pantón, "non" é "moi lóxico" que, cunha poboación duns 1.000 veciños, o consumo diario chegue a "un millón de litros", 300.000 só pola noite. "De doce a seis, que o consumo debería ser mínimo, pois a esa hora só consumirían as panadarías porque os bares están pechados, que se consuman 300.000 litros é unha animalada", lamenta.
Preguntado sobre se ten algunha sospeita por este gasto de auga, responde que "todos" teñen algunha, para seguidamente anticipar que o Concello "encargou facer un control exhaustivo, a través de contadores postos nas entradas das parroquias, para ver se ese consumo correspóndese cos contadores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.