Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Galicia Confidencial | Barcelona | 11/09/2014 | Actualizada ás 10:40
Carmen Castro é a nai de Diego Viña, achado morto en setembro de 2004 no calabazo da Garda Civil de Arteixo (Galicia). Noelia Cotelo, filla de Lola Riveiro, sofre represalias por denunciar un abuso sexual por parte dun carceleiro na prisión de Brieva e reivindicar os seus dereitos como presa. Precisamente por criticar a situación das prisións españolas, Xosé Tarrio, fillo de Pastora González, pasou máis de 17 anos no cárcere (12 en illamento). Morreu “de cárcere” no ano 2005. Carmen, Pastora, Lola e máis mulleres uníronse para crear o colectivo ?Nais contra a impunidade?.
Este colectivo, moi arroupado polo veterano grupo de PRESOS Galiza, nace en marzo de 2012 pola necesidade de pór en marcha unha rede de familiares ás que lles tocou vivir a morte dun ser querido en centros de privación de liberdade. Unha unión para gritar máis alto e máis forte contra a impunidade policial e carcelaria que se dá na maioría de casos de morte, torturas e malos tratos nas comisarías e prisións.
Agora Nais contra a impunidade esta mobilizándose por todo o Estado para presentar a Campaña antirrepresiva #15procesad@s, en resposta á criminalización de 15 persoas do colectivo por un acto de protesta polo caso de Diego Viña que se realizou o 12 de outubro de 2010. As tres nais e o avogado Fran del Buey, que á súa vez tamén é familiar afectado pola morte dun irmán en prisión, falan desta situación.
Que facedes desde Nais contra a impunidade?
Fran del Buey Hai tres alicerces. O fundamental é o apoio á familia, ofrecerlles un abrazo, un ombreiro onde chorar. Unha segunda parte do traballo é dar seguimento aos seus problemas mediante un servizo de asesoramento xurídico gratuíto. Acompañarlles ás administracións, explicar os casos e a situación desde unha perspectiva de autodefensa. Ensínase ás familias a entender. O terceiro alicerce é a protesta, activar os mecanismos que teñamos, como unha concentración, unha manifestación ou un acto público, para difundir os casos de impunidade. Son tres partes, pois: abrazar, entender e denunciar.
Por que nais? Que especificidade hai nesa unión?
Pastora González: Eu creo que como nais non tomamos referencia de ninguén, senón que nos move o impulso. Cando che tocan un fillo, aí sae un volcán. E máis se hai torturas, morte e non hai explicacións. Decidimos facer Nais Contra a Impunidade despois de comprobar que cada vez hai máis fillos mortos a mans de carceleiros, policía, nos centros de detención. As familias e as nais temos que dar unha resposta porque son fillos os que están mortos, non son paquetes. O apoio ás familias é moi importante porque, eu por exemplo, co caso de Xosé, atopeime moitas veces soa e non sabes para onde tirar.
Carmen Castro: Unha nai ou unha familia a nivel individual sente como atrapada, non sabe que facer, e eu tiven a sorte de conectar co colectivo PRESOS Galiza naquel momento e xa despois ao longo do tempo con outros colectivos. Agora síntome moi apoiada e é necesario que todas esteamos aí. Estes casos de impunidade destrúen e é necesario o apoio.
Que vos achega loitar como nais e mulleres?
P.G. Eu fixen, por desgraza ou por sorte, de pai e nai dos meus fillos. O pai fallou sempre. Tiven que saír á rúa e deixar a depresión que tiña e porme a traballar para sacar á miña familia adiante. Que nos achega a loita? A min faime sentir viva. Porque eu non podo esquecer que me mataron ao fillo,torturarono, non gocei del e non podo pechar os ollos ante isto. Por iso saín e saio á rúa a gritar a morte e a tortura do meu fillo e a pedir explicacións. Levo desde que el morreu [en 2005] gritando na rúa e ninguén me deu unha resposta. Pero eu, mentres teña vida, penso seguir preguntado por que e espero que, de tanto chamar, de tanto golpear, de tanto gritar alguén abra unha porta, escoite ás familias. E non o digo só á xente poderosa, senón ás pobres e nais dos pobres.
Moitas veces, nos casos de represión e violencia policial ou carcelaria, as familias temen facer ruído por temor a represalias, á estigmatización social que leva a protesta ou porque directamente non ven a reivindicación como algo positivo nos seus casos. Atopástesvos a familias con estes medos ou vós mesmas experimentastes estes temores.
Lola Riveiro: Eu non teño medo por min, teño medo por Noelia. As represalias caen sobre a miña filla. Se fose só polo meu, non pasaría nada porque eu estou libre, aínda que sinto presa igual ao saber o que está a pasar aí dentro. Entón hai certas cousas que non podo falar, o que fan con ela: malleiras, roturas de ósos, malas tratos, agresións. Entón teño medo, pero por ela. Porque hoxe esta viva, pero poida que mañá non. Xa sabemos que moitos no camiño aparecen aforcados ou aparecen con sobredose e teriamos que falar moito deste tema.
C.C. No meu caso non tiven medo, porque as inxustizas nunca me gustaron. Mais que medo, é que suceden cousas e que non saibas por ti mesma que podes facer. Eu hoxe en día podo dicir que estou máis preparada para reaccionar, axudar a outras persoas e que ningunha morte poida quedar impune como no caso de Diego, que non quixeron abrir ningunha investigación. Eu síntome acompaña e medo, agora, ningún.
As familias recibimos represalias a través das multas. Atacan ao peto do pobre. Coas imputacións, a denuncia volveuse do revés e agora somos nós, a xente que pide xustiza, as perseguidas.
P.G. En Coruña levamos moitos anos saíndo á rúa e sempre somos as mesmas. E os cárceres están cheas de presos. Non se se sucede o mesmo, pero eu quero facer unha chamada ás familias, pois non teñen por que avergoñarse dos seus fillos. E se fixeron algo, están dentro do cárcere privados de liberdade e pagando por iso. Pois algúns señores decidiron que teñen que pagar e como teñen que pagar por iso. Son os seus fillos, están presos e teñen uns dereitos. Que saian á rúa, que non sexamos nós soas. Eu desde logo medo ningún, porque máis dano do que me fixeron non mo poden facer. Agora, hai outras formas de facer dano. As nais e as familias recibimos represalias a través das multas. Atacan economicamente ao peto do pobre. Eu teño unha pensión de 400 euros, Carmen tamén e agora, por reivindicar o caso de Diego, apoiar a Carmen e pedir que se abra unha investigación dos feitos, imputaron a 15 persoas e mesmo se atreveron a denunciar aos familiares de Diego. A denuncia volveuse do revés e agora somos nós, a xente que pide xustiza, as perseguidas. Estamos denunciadas por inxurias á Garda Civil só por querer saber que pasou esa noite con Diego Viña. Pídennos até 3.600 euros de multa ou 9 meses de cárcere por cada unha. As nais temos todo o dereito de saír á rúa a gritar as torturas e a morte dos nosos fillos. Como poden condenarnos? Aquí estase castigando a dor das nais e diso teño medo: de que ninguén faga nada. Que os xuíces o permitan. E sobre todo que nos collan pola parte económica, porque somos pobres. Isto créame impotencia e rabia.
Que fonte de fortaleza atopades no colectivo?
P.G. O amor e o coidado entre nós. O amor é o máis importante. Un abrazo cando choramos. Moitas de nós estamos en tratamento, eu persoalmente non tomo pastillas, non porque non me faga falta, pero non sería eu mesma se tomase pastillas. Necesito a rabia para poder seguir adiante. Pois temos que darnos ánimos cando estamos depresivas. Temos que loitar porque llo debemos aos nosos fillos e aos fillos doutras nais. Agora non hai tempo para depresións, senón para dar resposta. Atopámonos e charlamos moito sobre como estamos e que problemas temos. Pero tamén nos xuntamos para facer cousas que nos relaxen, como ir á montaña ou pasear pola praia.
Agora enfrontádesvos á xustiza por un acto de protesta polo caso de Diego Viña que organizastes o 12 de outubro de 2010 na saída da delegación da Garda Civil e da subdelegación do Goberno en Coruña. Podédesnos explicar este proceso?
F.B. Na protesta de 2010 a Garda Civil identifica a 15 persoas e recolle a información de difusión da protesta. Trasladárono á subdelegación do Goberno para que se iniciase un proceso sancionador contra dúas persoas por un suposto de concentración non comunicada segundo a lei de participación. Ao mesmo tempo remiten ao Xulgado de Instrución o atestado para que o xuíz determine que tipo delituoso prodúcese. A sorpresa é que o xulgado de instrución considera o contido do atestado como un delito contra a honra da Garda Civil. Isto xa non se trata do dereito a liberdade de expresión senón que é o dereito ao duelo, dereito a sentir, a chorar, a gritar e a protestar. Os mortos teñen dereito a ser lembrados, como o meu irmán, como Xosé, como Diego e como moitos máis. Este é un proceso absurdo.
Como se pode apoiar a campaña por este xuízo e contra represión ante reivindicacións contra a impunidade?
C.C. Eu cando empecei co tema de Diego de pedir xustiza, aprendín que para a Xustiza os sentimentos non contan
P.G. Pois dar solidariedade escoitando ás nais e sobre todo ter en conta o noso caso para estar alerta, pois isto non sucede en Galicia só senón en todas partes. Tamén é importante non ter medo e denunciar a persecución que están a facer a este colectivo que está a loitar contra a impunidade. Cada vez seremos máis e a unión fai a forza. Nós cremos que de tanto chamar á porta, alguén ou algún xuíz terá que escoitar. Tamén fago un chamamento a acompañarnos diante dos xulgados cando suceda este xuízo, que durará 2 ou 3 días.
Entrevista de Jordi Santcliment no medio pikaramagazine.com
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.