Cando mercar a froita se converte nun luxo: a inflación afoga os maiores con pensións mínimas

O movemento de pensionistas inicia unha recollida de firmas por unhas pensións públicas e dignas e fronte a unha inflación que pon en xaque a precaria economía de moitas persoas maiores con contías mínimas.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Lidar cunha inflación desbocada (escalou ao 11,5% en xullo) cando ao peto tan só entra unha pensión mínima supón para moitas persoas maiores facer auténticos malabarismos económicos na procura de manter, polo menos, as necesidades máis básicas cubertas. María, veciña de Vigo de 76 anos de idade, sabe ben o que significa iso de apertar o cinto. Baixo un nome ficticio para non sentirse "tan espida", atende o teléfono pouco despois de firmar un incremento de case 50 euros no prezo do alugueiro do seu apartamento. 30 metros cadrados por 400 euros mensuais que terá que pagar a partir de setembro. Cunha pensión mínima de 721 euros, María hai anos que renunciou a unha tarde no cinema, unhas vacacións ou un convite á súa familia para xantar. 

Arquivo - Varios pensionistas de plataformas e movementos de pensionistas a nivel estatal con carteis durante unha concentración fronte ao Congreso dos Deputados, a 9 de xuño de 2022, en Madrid. Alberto Ortega - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Varios pensionistas de plataformas e movementos de pensionistas a nivel estatal con carteis durante unha concentración fronte ao Congreso dos Deputados, a 9 de xuño de 2022, en Madrid. Alberto Ortega - Europa Press - Arquivo

"Todo iso son luxos que eu sei perfectamente que non me podo permitir. Están vetados. Nin saio nin gasto. Máis da metade da pensión xa marcha no aluguer. No seguro de decesos van outros 50 euros. O gas e a auga están carísimos e para a luz, afortunadamente, teño bono social. Pouco diñeiro queda para comer", relata. "Antes podía permitirme pequenos luxos, pero agora só merco legumes, verdura barata, carne dúas veces ao mes e peixe un pouco máis. Ás persoas maiores aconséllannos comer san, pero eu este verán apenas puiden probar a froita de tempada, está prohibitiva de prezo!", prosegue María, que ve a súa lista da compra cada vez máis restrinxida ante o aumento de prezo de produtos básicos. 

O que máis lle doe da súa situación económica, recoñece, é non poder ser independente das súas fillas. "Agora terei que pedirlles un pouquiño a cada unha para enfrontar esta suba do aluguer e poder sobrevivir, porque soa non son quen de sostelo", conta. María traballou ao longo da súa vida moito máis do que logo se reflectiu nos papeis oficiais. "Din cursos como artesá e tamén fun coidadora de persoas con discapacidade, xente maior, crianzas... Sacabas un soldiño para ir sobrevivindo, pero de xeito discontinuo e sen cotizar en moitas ocasións". Hoxe, co peso do seu traballo sobre o corpo - a artrose e outras complicacións físicas obrigárona a tomar unha xubilación anticipada -, María únese a cada manifestación do movemento pensionista. "Porque o meu é o caso de moitísima xente, e eu loito por toda ela", sentenza. 

METADE DAS PENSIÓNS POR BAIXO DO LIMIAR DA POBREZA

Os datos, de feito, confirman a asiduidade de realidades coma a de María. Segundo recolle o último informe de EAPN Galicia, máis da metade das pesións percibidas no país, en concreto un 52,4%, sitúanse por baixo do limiar da pobreza. E é que se ben a pensión media contributiva estaba ao termo do ano 2021 en 1.011,09 euros, case a metade das persoas pensionistas galegas percibe retribucións inferiores a 780 euros, das cales un 10% (67.000 persoas) non chega sequera a 500 euros, segundo os datos do IGE. Á fenda de case 200 euros entre as pensións galegas e as do conxunto do Estado súmase, ademais, outra ben evidente: a de xénero. As contías recibidas polas mulleres son un 32,8% inferiores ás dos homes en Galicia. 

Persoas maiores
Persoas maiores | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia.

Elas viven, pois, as situacións de maior precariedade; igual que todas aquelas persoas que perciben pensións non contributivas, cunhas contías por xubilación de 391,94 euros e por invalidez de 431,54 euros en 12 pagas. Alejandro Ruetter, actor e mimo itinerante durante os seus últimos 20 anos de vida laboral, alcanza en torno aos 480 euros de pensión trala suba dun 15% aprobada polo Goberno ata finais deste mesmo ano para esta modalidade. "Un caramelo para manternos calados", cualifica. El vive dende hai oito anos canda ao seu fillo nunha casa prestada por un compañeiro. "Non podería pagar un aluguer", recoñece, "pero teño esta sorte e arréglomas ben. Dous humanos, tres cadelas, unha gata e un coche logramos sobrevivir grazas a isto".

Tanto Alejandro como María son activos nun movemento de pensionistas que nin sequera no verán descansa. "Se estou nesta loita non é pola defensa dun interese persoal, senón pola defensa do sistema público de pensións", sentenza Ruetter. "Por iso exerzo de paiaso nas mobilizacións", di, "sempre entre a protesta e a risa". Nese cruce, Alejandro denuncia, sobre todo, a nova lei de pensións impulsada polo ministro José Luis Escrivá, un "campanazo definitivo para poñer en marcha os plans de pensións privados e deixar sen fondos a Seguridade Social". Tamén esta decisión política "cabrea" a María: "É unha tomadura de pelo que non beneficiará en absoluto ás clases traballadoras, aos de abaixo, que somos moitos!". 

CONTRA A PRIVATIZACIÓN DAS PENSIÓNS

Este proxecto de lei do Ministerio de Seguridade Social, Inclusión e Migracións puxo en pé de guerra nos últimos meses o movemento pensionista galego e de todo o Estado, que ve nel o camiño de inicio para a privatización das pensións ao "detraer" os ingresos á Seguridade Social e crear un fondo de plans de pensións de emprego xestionado por grandes entidades financeiras privadas e acordado entre sindicatos e empresas. "A situación que se nos presenta a nivel de servizos públicos é grave, e esta proposta vainos levar á pobreza máis severa no futuro", denuncia Gonzalo Balo, portavoz do Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepen), que dende 2016 organiza manifestacións permanentemente en varios puntos de Galicia. 

Unha das últimas accións do colectivo de pensionistas a nivel estatal é a campaña de recollida online e presencial de sinaturas que diversas asociacións, entre elas Modepen, veñen de impulsar para "alertar ás xentes traballadoras do grave risco que corre o Sistema Público de Pensións e a ameaza que supoñen as reformas que se están implementando a vontade dos poderes financeiros e a banca", explican dende o colectivo galego. Xunto á defensa do público, o movemento pensionista demanda ao Goberno revalorizar as pensións co "IPC real", isto é, conforme ao IPC acumulado anual e non base ao promedio, dado que deste xeito, as persoas pensionistas sofren unha perda de poder adquisitivo que dende Modepen cifran nun 4,2% este ano. 

"Na situación actual, e dado como evolucionan os prezos, vemos cada vez máis cidadáns que teñen que acudir a bancos de alimentos para poder complementar a súa dieta", denuncia Balo. Unha situación "insostible" ante a que tamén piden percibir un "60% do salario medio de cada ano, limiar que recolle a Carta Social Europea para alcanzar un mínimo vital de dignidade", explica o portavoz. "Temos claro que esta é unha loita longa e permanente, e por moito que traten de silenciarnos, nós continuaremos", sentenza. O próximo día 15 de outubro, o movemento de pensionistas manifestarase en Madrid para presentar ante o Congreso as sinaturas recollidas ao longo do Estado.

Protesta en defensa das pensións en Santiago. MODEPEN
Protesta en defensa das pensións en Santiago. MODEPEN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riuriu

En cambio Pontona y Néstor Rego se siguen forrando.