Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2022 | Actualizada ás 17:11
A Xunta augurou que o novo curso escolar en Galicia que arrinca o próximo 8 de setembro será de "total normalidade" despois de dous anos e medio marcados polas restricións asociadas á crise sanitaria vivida co covid-19. Así o destacou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, a preguntas dos medios na súa visita á Estrada para coñecer o resultado das obras realizadas no CEIP Cabada Vázquez.
A dúas semanas do inicio do curso, o responsable de Educación da Xunta apuntou que se espera un ano lectivo de "total normalidade, como xa se fixo ao final do curso pasado" ante a evolución da pandemia. Neste sentido, comentou que a única medida sanitaria que se manterá será a do uso obrigatorio da máscara no transporte, vixente tamén no transporte regular.
"Os ministerios de Educación e Sanidade ditaron normas que case falan de normalidade 100%", apuntou Rodríguez, que vaticinou que este será "o primeiro curso prepandémica real, cun predominio da total normalidade". "Non houbo ningún cambio real desde o protocolo aprobado e de obrigado cumprimento respecto ao que se aprobou no curso pasado. Esperemos que a normalidade sexa a tónica xeral", subliñou finalmente o conselleiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.