Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2022 | Actualizada ás 14:10
O presidente do Partido Popular de Galicia e da Xunta, Alfonso Rueda, pediu aos socialistas "que se aclaren" sobre unha eventual moción de censura contra o alcalde de Ourense, porque "o tema da gobernabilidade é suficientemente serio" como para saber "se a proposta que realizan ten posibilidade de sustentarse ou simplemente foi un globo sonda".
En declaracións aos medios este luns, o dirixente popular incidiu en que o Partido Popular no Concello de Ourense "ten autonomía" para tomar decisións, algo que, dixo, "non parece que suceda no Partido Socialista".
Por iso pide "que se aclare se a proposta vai ser desautorizada por outras autoridades do partido". Mentres, sostivo que "o único criterio" que lle esixen ao PP ourensán é que "garanta a gobernabilidade do concello, algo que non é nada fácil".
Así lembrou que o PP de Ourense "recibiu unha proposta", aínda que dixo descoñecer se "do grupo municipal do PSOE ou dalgún dos seus integrantes", pero que foi "descualificada ou polo menos posta en cuestión por outros responsables do PSOE e a outros niveis de Galicia". Unha situación que, para Alfonso Rueda, "é un síntoma máis de como está o partido non só en Ourense, senón en Galicia" e por iso "é moi difícil seguir falando mentres isto non se aclare"
SITUACIÓN DO PSOE
O Partido Socialista de Ourense trasladaba a pasada semana avances nas negociacións sobre un acordo dunha posible moción de censura co Partido Popular, para recuperar a alcaldía que ostenta Gonzalo Pérez Jácome. Era o propio secretario provincial da formación, Rafael Rodríguez Villarino, quen explicaba que "houbo contactos moi restrinxidos", pero que "esta vez podería chegarse algún tipo de acordo porque as negociacións van por moi bo camiño".
Con todo, na mesma xornada respondeu a Comisión Executiva Municipal do Partido, un órgano que preside Noelia Rodríguez, quen rivalizou en procesos internos con Rodríguez Villarino, e fíxoo para trasladar por escrito que a Comisión "non tivo ningún tipo de contacto nin participou en ningún tipo de reunión coa nova dirección local do Partido Popular na cidade".
Neste sentido, engadiu que xa puxeran a situación en coñecemento da dirección nacional do partido, porque "calquera reunión que se producise a título individual non ten o aval da dirección local do partido".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.