Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2022 | Actualizada ás 11:44
A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), promovida por Abanca, inicia este xoves o curso académico 2022-2023 nos seus campus da Coruña e Vigo, motivo polo cal os estudantes de grao participaron nun encontro en Santiago, sede institucional da nova entidade.
Un acto, segundo destaca a propia UIE, "participativo e con dinámicas interactivas", no que están presentes o reitor, Miguel Ángel Escotet; a coordinadora xeral de desenvolvemento académico, que é a profesora Bettina Chechia; a coordinadora xeral de desenvolvemento corporativo, Ana Vázquez; e os decanos e profesores da Facultade de Administración de Empresas e Dereito, Álvaro Gómez e Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial, Eladio Dapena.
Tamén asistiron en representación do consello reitor o secretario xeral e vicesecretario Pedro Otero e José Luís Vilanova, respectivamente.
O reitor, Miguel Ángel Escotet, saudou a cada un dos estudantes e subliñou a misión da UIE como "unha universidade para a innovación, que permita unha vigorosa capacidade de creación, investigación e cambio". Unha universidade, dixo, "para o ser humano, centrada nas persoas, que educa para o talento e o talante, fortalecendo o pensamento crítico, a creatividade, a transformación, a adaptación ao cambio permanente e a anticipación ao futuro, vitais neste momento histórico de cambio de paradigma".
CATRO GRAOS
A UIE arrinca con catro graos que se impartirán simultaneamente nos seus campus da Coruña e Vigo: Enxeñaría en Sistemas Intelixentes, Administración de Negocios Dixitais, Administración e Dirección de Empresas, e Enxeñaría da Empresa, que se incorpora como novidade no sistema universitario español.
Impartirá tamén dous másteres universitarios: Tecnoloxía e Intelixencia de Datos empresariais e Dirección e Administración de Empresas, cuxo inicio está programado para o 26 de setembro.
A eles hai que agregar os diferentes títulos propios de posgrao e de 'Executive Education', de educación continua e InCompany.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.