Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/09/2022 | Actualizada ás 11:14
O custo para organizar o xuízo polo descarrilamento do tren Alvia en Angrois (Santiago) en xullo de 2013 ascende a 931.759 euros por parte da Xunta, segundo destacou o vicepresidente segundo, Diego Calvo.
O inicio do xuízo está previsto para o 5 de outubro no edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago, no monte Gaiás. A xerente da fundación, Ana Vázquez, cifrou en máis de 1.000 metros cadrados o espazo disposto para a súa celebración.
En concreto, serán 1.058 metros cadrados: 508 da sala de vistas (máis que a configurada para o xuízo do Prestige), 172 para oficinas xudiciais para a xuíza e fiscalía, 181 para a sala de prensa, 122 para a do público e 75 para a de togas e cafetaría.
Vázquez, que compareceu xunto a Calvo e o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, sinalou que se farán probas nas próximas semanas para poder comezar "sen ningún fallo".
Pola súa banda, o vicepresidente Calvo resaltou as "importantes características" dun xuízo que facían "imposible celebralo nas dependencias xudiciais" da capital galega, de aí a procura doutro centro "para poder albergar a todas as persoas e cubrir todas as necesidades que levaba aparellado". En concreto, serán polo menos 110 avogados e 165 vítimas as que estarán presentes.
O case 1 millón de euros servirá á Xunta para custear servizos e subministracións necesarias, traballos para configuración do estrado do tribunal e mesados dos intervenientes, medios tecnolóxicos dispostos pola Amtega e contratación de sistemas de garda e limpeza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.