Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 20:50
O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital vén de desestimar unha demanda veciñal para dotar de fibra óptica a parroquia do Sisto, en Dozón. Todo comezou cando un veciño da zona, Mario Vila, reclamou á compañía Telefónica a instalación de Movistar Conecta 600 mb, unha petición que non foi respondida.
Na resolución, segundo explica o veciño, "arguméntase unicamente que o servizo de internet establecido por lei está garantido, e que non ve necesidade de requerir á operadora ofrecer o servizo ofertado na zona afectada e incumprido, tal e como se reflexa na demanda". Vila lembra que Telefónica "recibiu recentemente unha axuda millonaria para dar este servizo na provincia de Pontevedra, no que se inclúe O Sisto".
"A política da miseria resolutiva sobre servir con calidade e garantir un servizo de conexión aceptable queda relegado das necesidades sociais", denuncia este veciño a Galicia Confidencial. "Pero si se garanten subvencións millonarias a Telefónica para dar publicidade a servizos inexistentes", engade.
Do Ministerio de Transportes e Telecomunicacións, Vila denuncia que é un órgano "carente de atención á cidadanía" e que se atén a un guión que "para nada se adecúa a dirixir con independencia un sector de oligopolio". Vila tamén sinala a Xunta de Galicia por "non atender esta infraestrutura para o rural", e demanda "garantías serviciais" á poboación no que respecta á conexión a Internet.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.