Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2022 | Actualizada ás 11:49
As familias do CPI de Vedra denuncian os "problemas de seguridade e puntualidade" dos autobuses que realizan dúas liñas do transporte escolar do centro coruñés.
Segundo explican nun comunicado, este xoves, 22 de setembro, dous dos vehículos non puideron saír do centro por non reunir as condicións: un porque expulsaba unha importante fumareda e o segundo por non contar con asentos suficientes para todas as crianzas. "Isto ocasionou que o alumnado chegase á casa con 45 e 15 minutos de atraso, respectivamente, sobre a hora prevista. Un prexuízo maior para o alumnado de Secundaria, que non ten servizo de comedor e chegou á casa sen xantar case ás 16h", sinalan as familias.
Este, din, é un exemplo máis das "graves incidencias" que se veñen producindo desde o primeiro día de curso, por parte da concesionaria destas liñas, Monbús, tanto na ida como na volta: "retrasos, autobuses que non dispoñen de cinto de seguridade, vehículos avariados que deben ser substituídos, os interiores en condicións insalubres (restos de comida, terra, etc.)".
As familias, a través da ANPA do CPI, veñen poñendo reclamacións diariamente e esixen á Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, que "obrigue ao contratista á adecuada organización das liñas, vele pola calidade da prestación do servizo e tome as medidas que correspondan ante estes incumprimentos na execución do contrato".
"A principal preocupación é a seguridade na que viaxan os nenos, nenas e adolescentes que empregan o transporte escolar para acudir ao centro, que non debesen pagar as consecuencias dun servizo público precarizado", sentenzan as familias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.