Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2022 | Actualizada ás 18:40
A Mostra de Teatro Infantil de Ourense, unha das citas na axenda cultural do Nadal ourensán, non poderá celebrarse este ano por "falta de apoios", tras perder este ano o da Universidade de Vigo e despois de que o ano pasado o Concello de Ourense retirase a súa achega económica.
O ano pasado a Mostra realizouse grazas ao patrocinio da Universidade de Vigo e a colaboración do Teatro Principal, permitindo que cumprise o seu décimo oitavo aniversario cunha versión reducida a catro espectáculos no Teatro Principal e tres no campus, ademais da animación na rúa. Pero este ano a institución académica tampouco colaborará coa compañía ourensá Sarabela Teatro, encargada da realización deste evento.
O director da compañía e director da Moti, Fernando Dacosta, anunciou que a situación se produce por "un cambio na política" da universidade onde "naceu" a mostra, pero confía en que sexa así só "polo momento", e asegurou que "se hai algún cambio favorable", regresarán.
O cambio de política da Universidade de Vigo á que se refire Dacosta é a decisión de repensar a actividade cultural que ofrecen, debido á "limitación dos recursos económicos", que se empregan "do mellor modo posible" en función das necesidades de cada momento.
A pesar de todo sinalan desde o campus ourensán que, "na medida do posible", seguen contribuíndo co teatro como parte do seu compromiso coa cultura, e por iso a próxima semana no campus ofreceranse as aulas de teatro universitarias que imparte precisamente Sarabela Teatro.
"TRISTEZA"
En base a este mesmo compromiso mantén a esperanza o director da Moti. Dacosta asegura que "hai tristeza" porque foron dezaoito anos con 247 espectáculos programados, uns anos polos que pasaron por Ourense compañías de Galicia, España, Portugal, Arxentina, Francia ou Canadá, "con teatros cheos ata onde pedían as compañías ou recomendaban os espazos e as asociacións de teatros infantís".
"Somos unha mostra que respecta as capacidades recomendadas para unha boa recepción por parte de nenas e nenos que nos acompañaron durante todos estes anos e que agora se ven afectados", apunta o director, que valorou que "en cada edición se esgotaban as localidades en máis da metade das funcións", que chegaron a sumar, co paso dos anos, "sobradamente 60.000 espectadores".
E con todo isto o director afirma que "hai tristeza", pero tamén "rebeldía" cara ao goberno municipal polas "mentiras que verteron". Así, felicita --ironicamente-- ao actual goberno "polo seu traballo de demolición cultural, que seguen levando a cabo, e tamén a aqueles que seguen as súas consignas".
Desde Sarabela teatro deixan claro que "manterán vivo o espírito da Moti", porque "quedan moitos soños, moitas historias e moitas ganas de contalas", e nesta mesma liña queren resaltar que "unha mostra de teatro non é programar sen criterio, buscando tan só os números". "É pensar nos valores que se transmiten nos espectáculos, na idea e no discurso, nos diversos xéneros, na coherencia e no coidado e o respecto entre outras moitas cuestións".
A pesar de todo desde a organización lembran que o Teatro Principal mantén a súa programación de Nadal, co cal haberá teatro nesas datas aínda que non no marco da Moti. Así mesmo, Dacosta destaca que se mantén en pé o Festival Internacional de Teatro en Ourense, que se celebra desde o 13 de outubro ata o 23 do mesmo mes, e a Miteu, que terá a súa nova edición na primavera.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.