Denuncian a política de publicidade institucional da Xunta ante expertos europeos

“Non se trata de vivir do conto, senón de xogar coas mesmas regras de xogo que os grandes medios. Non pode ser que os grandes grupos mediáticos galegos, que usan o español, teñán infinidade de axudas públicas e, polo contra, os medios en galego estean excluídos das mesmas”, asegura o director do GC e vicepresidente da Amega, Xurxo Salgado, nun encontro con membros do Comité de Expertos sobre Linguas Minoritarias da UE. Tamén o presidente do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, criticou os criterios de adxudicación aos medios en galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/10/2014 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O director de Galicia Confidencial e vicepresidente da Asociación de Medios en Galego (Amega), Xurxo Salgado, denunciou este luns a política de publicidade institucional da Xunta ante o integrantes do Comité de Expertos sobre Linguas Minoritarias –organismo dependente do Consello de Europa encargado de velar polo cumprimento da Carta Europea das Linguas–, pola marxinación á que están sometidos os medios en galego.

Membros do Comité de Expertos sobre Linguas Minoritarias nunha xuntanza en Compostela
Membros do Comité de Expertos sobre Linguas Minoritarias nunha xuntanza en Compostela

Nun encontro que este grupo de expertos mantivo con representantes de asociacións, empresas xornalísticas e institucións públicas e privadas, Salgado falou da “precaria” situación na que se atopan os medios en galego e pediu unha maior implicación dos poderes públicos no impulso do galego nos medios. “Non se trata de vivir do conto, senón de xogar coas mesmas regras de xogo que os grandes medios. Non pode ser que os grandes grupos mediáticos galegos, que usan o español, teñán infinidade de axudas públicas e, polo contra, os medios en galego estean excluídas das mesmas”.

Ademais, o director do Galicia Confidencial, que explicou a difícil traxectoria deste medio e doutros, destacou que os xornais ou radios en galego están en “inferioridade de condicións”, xa que teñen que “esforzarse o dobre para poder saír adiante”.”Nós estamos en desventaxe. Se só se tratara de competir para gañar máis audiencia non habería ningún problema. É unha regra de xogo que todos aceptamos, pero o complicado aquí é que non competimos por audiencia, senón que os grandes reciben axudas públicas das que somos excluídos sistemáticamente os medios en galego”, dixo.

Na súa intervención, Salgado tamén se referiu á proposta de Lei de Publicidade Institucional que a Amega presentou hai uns días no Parlamento galego e que conta co respaldo dos grupos da oposición.  Unha iniciativa, dixo, que pretende dotar de “transparencia” ao reparto das axudas públicas e da publicidade aos medios de comunicación para “protexer, cultivar, difundir e socializar o idioma galego”.

“Como é posible que nun país no que máis da metade da poboación é galego falante non exista un medio diario en galego?”, cuestionou o director de Galicia Confidencial. Unha pregunta que inquedou aos membros do Comité de Expertos sobre Linguas Minoritarias que se interesaron pola falta de axudas aos medios en galego e amosaron a súa sopresa porque non haxa unha política “equitativa” de subvencións aos medios.

CPXG

Tamén o presidente do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, presentou un estudo sobre o grao de cumprimento dos obxectivos da Carta Europea das Linguas Minoritarias, en base a varios informes realizados polo CPXG e por outros organismos públicos.

Nese estudo sinalaba que, se ben había aspectos xa alcanzados, como a existencia dunha televisión e unha radio públicas de moi ampla cobertura en galego, aínda seguían incumpríndose moitas das carencias apuntadas no Cuarto Informe sobre el Cumplimiento en España de la Carta Europea de las Lenguas Regionales o Minoritarias, del Consejo De Europa 2010 – 2013. Entre elas, a inexistencia dun medio de prensa. Así mesmo, o decano do CPXG salientou que os exemplos de radio e prensa local e comarcal de ampla incidencia que saudaba o Cuarto informe, como as emisoras municipais integrantes de Radiofusión, ou os novos diarios dixitais, carecen de calquera axuda gobernamental.


Igualmente, Xosé Manuel Pereiro apuntou que moitos dos convenios e axudas para a promoción do galego para medios que non se publican nese idioma “son, en realidade, axudas complementarias ás demais subvencións. O Colexio sempre defendeu as achegas aos medios, e un medio grande necesita grandes achegas, pero non é presentable que no primeiro cuadrimestre de 2014, un só medio recibira por convenios para a promoción do galego practicamente tanto como recibirán en conxunto todos os que se publican en galego. As axudas para promocionar o noso idioma en medios en castelán deberían ser finalistas e puntuais, e orientadas a proxectos concretos”. O decano dos xornalistas galegos tamén criticou os criterios de adxudicación aos medios en galego. “Repasando a lista dos beneficiarios, vese que moitos dos que calquera nomearía como medios galegos non están, e si aparecen outros descoñecidos. Eu estou seguro que se cumpren escrupulosamente as normas, e polo tanto, as normas non son as axeitadas para os fins que se buscan”.

De feito, o informe anterior do Consello de Europa era tremendamente crítico co goberno galego e denunciaba múltiples incumprimentos deste con respecto á lingua propia, “mais a situación aínda foi a peor, pois a acción da Xunta con respecto ao galego é de desleixo e desprotección total, polo que os incumprimentos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias non deixan de incrementar no ensino, na administración, na xustiza, etc”, apuntaba.

Ao longo deste luns tamén se entrevistaron con estes expertos, representantes da Irmandade Xurídica Galega, do Foro Peinador, da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, da Mesa pola Normalización Lingüística ou do Colexio de Xornalistas de Galicia, entre outros. Outros colectivos, como a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) denunciou a súa exclusión destes encontros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta