Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 05/10/2022 | Actualizada ás 16:36
A maxistrada do Xulgado de Instrución nº2 de Pontevedra decretou este mércores a posta en liberdade do condutor do vehículo que o martes sufriu un accidente en Cerdedo-Cotobade e caeu ao río, falecendo o seu acompañante.
Segundo confirmaron a Europa Press fontes xudiciais, o detido pasou esta xornada a disposición xudicial, investigado por un delito de homicidio por imprudencia, e acolleuse ao seu dereito a non declarar.
O suceso ocorreu pouco despois das 15,00 horas deste martes, cando o vehículo, no que viaxaba o mozo xunto a unha muller caeu ao río Almofrei ao seu paso por Cerdedo-Cotobade, concretamente desde a Ponte de Loureiro.
O mozo, de 24 anos e natural de Valongo, aínda que con domicilio en Madrid, foi capaz de saír polos seus propios medios e achegouse a unha leira para alertar aos veciños do sucedido e pedir axuda. A muller, de 29 anos e natural da capital española, non foi capaz de saír do turismo e, cando os servizos de emerxencias puideron sacala, xa falecera. Posteriormente, ao longo da tarde do martes foi detido o condutor do turismo, xa que carecía de permiso de conducir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.