"Os servizos de urxencia do CHUS está instalados nunha situación permanente de colapso"

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Chus denuncia que tres pacientes en observación levan dende o día 19 de outubro agardando por unha cama hospitalaria.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2022 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, o Hospital Clínico Universitario de Santiago, denuncia que os seus servizos de urxencia, "co consentimento dos responsables do servizo e da xerencia, están instalados nunha situación permanente de colapso", con pacientes "aparcados nos corredores de acceso en padiolas e cadeiras de rodas ou almacenados na sala de observación agardando por unha cama en planta".

Sala de observación do servizo de Urxencias do CHUS
Sala de observación do servizo de Urxencias do CHUS | Fonte: REMITIDA

A Asociación de Pacientes tivo coñecemento, segundo traslada nun comunicado, de que o pasado día 21 de outubro ás 15:00 horas, nove pacientes cualificados como graves estaban 'aparcados' nos corredores de acceso do servizo, "padecendo a vulneración do seu dereito á intimidade e dignidade". Ademais, proseguen, 33 pacientes estaban pendentes de ingreso, dos cales tres "levan desde o día 19 na sala de observación agardando por unha cama hospitalaria".

"A normalización do colapso das urxencias por parte da xerencia e dos responsables do servizo está xerando un estado de desconfianza na poboación que obriga a moitos a ter que acudir á sanidade privada", explica a asociación. Así mesmo, esta situación produce, alertan, a "deslexitimación do sistema público de saúde, que redunda nun proceso de demolición programado".

"Como é posible que se manteñan pacientes máis de 48 horas agardando por unha cama hospitalaria cando nas últimas 24 horas o nivel de ocupación do clínico, segundo os datos publicados no Pulso do CHUS, era do 49 por 100? Como é posible que se almacenen 33 pacientes na sala de observación, que non garante a intimidade, cando no hospital Gil Casares existen camas dispoñibles pechadas desde o 12 de agosto? Como se pode manter a 3 pacientes máis de 48 horas en observación cando os protocolos e recomendacións sanitarias din que non poden permanecer nesa situación mais de 24 horas?", pregúntanse dende a asociación.

Pacientes e usuarias denuncian a "impunidade" para continuar con estas prácticas, a pesar das recomendacións da Valedora do Pobo sobre o dereito á intimidade e dignidade. Así, critican que a xerencia "siga permitindo que o servizo de urxencias sexa un almacén no que a sobrecarga de atención impide ao persoal sanitario dar unha atención de calidade"; e que os responsables da área e o xefe de servizo "fagan caso omiso das súas obrigas éticas".

Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS teñen "a convicción de que non só existen graves problemas estruturais e de definición do modelo sanitario, senón que tamén hai unha manifesta incapacidade ética e profesional por parte dos responsables sanitarios para xestionalo". "E isto", engaden, "ten un prezo que pagamos, en primeiro lugar, os pacientes en saúde e expectativas de curación e, en segundo lugar, os profesionais sanitarios en condicións laborais e en calidade asistencial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta