Denuncian a "asfixia económica" dos arquivos en Galicia, cuxas contas están "conxeladas"

BAMAD Galicia demanda un aumento do esforzo orzamentario para que o país teña uns "arquivos propios do século XXI que dean servizo á sociedade".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2022 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD Galicia) denuncia que, ante o anunciado "maior orzamento da historia de Galicia", "todas as partidas dedicadas a investimentos en arquivos no orzamento de cultura están conxeladas", agás a dedicada a proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283) que aumenta en 59.875 €, "en parte grazas ao Mecanismo de Recuperación e Resilencia dos Fondos NextGeneration da Unión Europea".

Depósito de arquivos
Depósito de arquivos | Fonte: xunta.gal

"Outro ano máis, non só non conseguimos recuperar os investimentos dedicados a estes centros anteriores á crise de 2008, senón que, nun contexto alcista dos orzamentos, os arquivos perden peso proporcionalmente no volume de gasto da Xunta de Galicia", denunica a asociación, que alerta que con estes orzamentos "será difícil abordar o Plan de Arquivos da Xunta de Galicia", con 8 anos de demora e cuxo contido non se fixo público.

"Como abordar a creación de arquivos como os Xerais Territoriais da Coruña, Ourense, e Ferrol?, como abordar as necesidades de espazo dos arquivos existentes?, como abordar axudas á contratación de arquivistas para os arquivos municipais dos concellos máis pequenos?, como implantar a perspectiva de xénero nos centros con estas dotacións?", pregúntanse BAMAD. 

Desde BAMAD Galicia entenden que é preciso aumentar o esforzo orzamentario dedicado

aos arquivos, xa que "levan sufrindo unha asfixia económica desde hai máis de 10 anos", o que afecta ao normal desenvolvemento das súas funcións. "Este orzamento non permite a creación dos arquivos que a propia Lei de Arquivos e Documentos prevé, e impide atender os novos retos con ferramentas, locais, medios e persoal suficiente", explican.

"Galicia precisa duns arquivos propios do século XXI que dean servizo á sociedade cos medios necesarios para adaptarnos a un mundo en constante transformación", demandan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta