Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/11/2022 | Actualizada ás 19:35
Patronal e sindicatos deron luz verde ao novo convenio para o sector da hostalería na provincia da Coruña, que inclúe unha táboa salarial que contempla subas salariais do 11,75% ata o ano 2024. Diso informou este luns a Federación de Servizos de CCOO de Galicia, que sinala que o novo marco laboral estará vixente ata 2024 e contempla o abono de atrasos de forma retroactiva desde o 1 de xaneiro, que deberán abonarse antes de marzo de 2023.
Así as cousas, a táboa salarial do convenio establece unha suba salarial do 4% para este ano, do 3,75% para 2023 e do 4% para 2024. Ao termo dese ano, se o IPC acumulado durante a vixencia do convenio pasa o 11,75%, producirase un axuste nas táboas de 2025 "co 50% da diferenza".
Máis aló de cuestións retributivas, os fixos descontinuos terán un período mínimo de cinco meses de chamado, para o que deberán ser avisados con dez días de antelación .
Contémplase a posibilidade de que estes traballadores consoliden o 50% en caso de superar os cinco meses en dous anos, condicións que tamén se estenden aos contratos a tempo parcial por un mínimo de catro horas diarias e 20 semanais.
Así mesmo, as empresas estarán obrigadas a ter, polo menos, un 65% dos traballadores con contrato indefinido. Tamén se recoñece o dereito á desconexión, con prohibición de enviar mensaxes ou correos profesionais fóra de horario laboral agás en casos de urxencia.
Ademais, o convenio fixa un complemento de 20 euros mensuais para cada persoa traballadora en empresas que non acrediten impartir formación nas condicións establecidas.
CAMAREIRAS DE PISO E REPARTIDORES
Pola súa banda, as categorías de camareira ou camareiro de piso estarán rexidos a partir do 1 de abril de 2023 polo artigo 43.6 do Estatuto dos Traballadores de aplicación para as empresas contratistas e subcontratistas.
Así mesmo, nas empresas onde as persoas traballadoras fagan repartición a domicilio en vehículo, aplicaráselles o convenio de hostalería da provincia da Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.