Por Galicia Confidencial | Valga | 31/10/2014 | Actualizada ás 16:00
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto co alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, visitaron hoxe o xacemento coñecido como Mercado dos Mouros ou Agro de Xaz, unha vez que os traballos arqueolóxicos realizados na zona acaban de confirmar que se trata duns restos da época romana.
O xacemento é un espazo de 11.500 m2 de forma ovalada sobreelevado arredor dun metro e rodeado dun espazo de brañas que periodicamente se anega debido ás crecidas do río Ulla. O informe conclúe que este espazo debeu de ter unha vinculación especial co río, aproveitando a chegada de produtos por vía fluvial para logo comercializalos cara ao interior. Trátase, por tanto, do terceiro porto confirmado da época romana no Ulla, que se suma ao espazo Pontecesures-Monte do Porto e ás Torres do Oeste.
Froito dun convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello de Valga, levouse a cabo unha intervención arqueolóxica con escavacións e investigacións que confirman que se trata dun asentamento habitacional/portuario da época romana.
A partir de agora, a Consellería de Cultura e Educación promete que garantirá a protección deste achado, que é unha testemuña máis da presenza romana no territorio galego. O primeiro paso neste sentido é incorporar toda a información obtida ao inventariado dos Bens Arqueolóxicos de Galicia. Así mesmo, en colaboración do Concello de Valga, o departamento de Cultura do Goberno galego analizará a súa inclusión no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, así como no catálogo de planeamento do propio Concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.