Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 22/11/2022 | Actualizada ás 18:27
As traballadoras e traballadores de todas as tendas do grupo Inditex na provincia da Coruña irán á folga o día 25 de novembro, coincidindo co Black Friday, para demandar da multinacional un incremento salarial "digno" que lles permita chegar "a fin de mes", segundo expuxeron.
Nalgunhas cadeas nas que a multinacional adianta as ofertas, a folga xa se fará efectiva o xoves 24. Ese día, os piquetes informativos comezarán ás 10,00 horas e continuarán o día 25, á mesma hora.
Nesta data tamén están convocadas mobilizacións nas tres cidades, ás 12,00 horas: na Coruña, haberá manifestación con saída da praza de Lugo; en Compostela, desde a praza de Galicia; e en Ferrol farase concentración diante do Centro Comercial Odeón.
"Aínda que somos as que damos a cara todos os días, os beneficios repártense de maneira xenerosa noutras empresas do grupo, para as dependentas nunca hai nada", denunciaron delegadas da CIG e de UGT nunha comparecencia conxunta para informar os motivos que levan á convocatoria desta folga.
As traballadoras xa adiantaron que a oferta económica presentada por Inditex "non é suficiente", polo que de non producirse avances non descartan ampliar os días de paro durante o mes de decembro ou coincidindo co período de rebaixas.
As representantes das traballadoras explicaron que a multinacional non cambiou a súa oferta de outubro, senón que "se limitou a mover" as contías a repartir en cada ano do acordo. A proposta final é, explicaron, un incremento progresivo en tres anos ata conseguir os 182,93 euros/mes en 2024 fronte aos 440 euros/mes que reclaman as traballadoras para o mesmo período.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.