Rosalía de Castro da nome a unha praza en Pamplona

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2022 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

A escritora galega Rosalía de Castro conta dende este sábado cunha praza co seu nome na cidade de Pamplona. Trátase dunha proposta do colectivo navarro 'Lareira Galega' coa que se pretende homenaxear tanto á soada autora como a Galicia.

Na inauguración participou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que agradeceu na súa visita esta iniciativa, expresada a través dunha figura que "é moito máis que unha das nosas escritoras máis coñecidas, é un símbolo da nosa cultura e idioma". Ademais, afirmou que Rosalía de Castro representa a "conexión de Galicia co mundo".

Segundo trasladou a Consellería nunha nota de prensa, esta nova praza estará ocupada por unha peza esculpida polo compostelán Cándido Pazos que representa a imaxe rosaliana. En palabras de Román Rodríguez, que destacou o traballo do escultor galego, é unha homenaxe que "lembra a irmandade entre Galicia e Navarra".

Unha irmandade que, segundo o conselleiro, "vense fraguando dende hai séculos a través do Camiño de Santiago". Neste senso, trasladou o seu agradecemento ao Concello de Pamplona por aceptar a proposta de darlle o nome Rosalía de Castro a esta praza, que "simboliza a unión e concordia entre comunidades".

Así mesmo, Román Rodríguez encomiou o labor das entidades que traballan para fortalecer os vínculos da colectividade galega no exterior. Neste caso, fixo especial fincapé en 'Lareira Galega' e en "o traballo entusiasta que leva facendo desde os anos 50" por manter o sentimento de "'galeguidade'" lonxe das súas orixes.

Inauguración en Pamplona da praza Rosalía de Castro
Inauguración en Pamplona da praza Rosalía de Castro | Fonte: E.P.

ESCULTURA

Durante o acto, descubriuse a obra do escultor Cándido Pazos mentres as gaitas do grupo Os Fillos de Breogán interpretan a 'Alborada de Rosalía' e realizouse unha ofrenda floral. O escultor explicou que con esta obra tratou de "profundar no pensamento" da poetisa e "achar a súa alma nos seus libros". Por iso, a escultura representa cinco dos seus libros "máis importantes", xunto coa imaxe da autora e dous dos seus poemas.

Seguidamente, Rebeca Riveira, socia e membro dos Fillos de Breogán, leu o poema en galego 'Tal como as nubes' e Aníbal Armesto, tesoureiro da Lareira Galega, o poema en castelán 'Pobre Alma Sola'.

Tras descubrirse a placa co nome da praza, pechou o acto o alcalde de Pamplona, Enrique Maya, quen destacou que a capital navarra "súmase á longa lista de cidades que contan cun lugar dedicado á escritora galega Rosalía de Castro". Unha muller que foi unha "adiantada ao seu tempo, pasou á historia como unha das precursoras da poesía en castelán e galego, pero foi moito máis alá e deixounos unha pegada indeleble para todos".

Resaltou que a autora "impulsou a lingua galega e deixou un legado que se estendeu ata a xeración do 27". Precursora tamén, remarcou, na "denuncia das inxustizas que recibían as mulleres da súa época. Foi unha muller loitadora". Por iso, destacou que "dispor dun espazo cun nome de muller é un novo cumprimento nese reto de ir dotando á cidade de espazos con nome de muller" que, recoñeceu, "aínda está lonxe do número que merecen".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Outra manifestaçom da tragédia galega: A EMIGRAÇOM. Mas esta nom é um castigo dos deuses, é umha política económica dictada polos partidos madrilenhos (PP-PSOE, e adláteres) desde Madrid para os galegos. Espoliam-nos o bens de bens que a energia para industrializar Madrid, enquanto as bisbarras onde estám os encoros nom existe nengumha industria, inçam os nossos cúmios de muinhos de vento, e nas bisbarras onde estám no existe nengumha industria. Mas no Guadarrama nom há nengum muinho. Conserva a paisagem para o goze dos “madriles”. E os galeg@s seguem votando aos partidos madrilenhos que os condenam a miséria. Emigra-se porque onde nasci-te nom há o pam do século XX e XXI (industria, investigaçom, etc.)