Que é para ti un océano saudable?

A USC avaliará a saúde do océano en Galicia a través dunha consulta cidadá

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/11/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Que é para ti un océano saudable? A partir desta pregunta, o grupo EqualSea Lab da USC, dirixido polo profesor Sebastián Villasante, pretende descubrir a percepción que a sociedade alberga con respecto á saúde das costas galegas. Con este obxectivo, a institución compostelá lanza unha consulta cidadá sobre o índice de saúde do océano en Galicia, unha iniciativa pioneira en Europa e inédita nesta comunidade. A enquisa, xa dispoñible na páxina web do grupo EqualSea Lab, permanecerá aberta á cidadanía durante os vindeiros meses.

O Costal, un proxecto referente en conservación e recuperación paisaxística en Galicia
O Costal, un proxecto referente en conservación e recuperación paisaxística en Galicia | Fonte: O COSTAL

A enquisa pública que agora ve a luz axudará ao equipo da USC nunha investigación que desenvolven no marco do proxecto internacional AtlantECO. Nesta iniciativa, o EqualSea Lab ten por obxectivo determinar cal é o Índice da Saúde dos Océanos (Ocean Health Index) no litoral de Galicia.

O Índice de Saúde dos Oceános (Ocean Health Index en inglés, OHI+) é unha metodoloxía baseada na análise dos beneficios e servizos que as persoas poden obter dos océanos, como poden ser os alimentos, os valores sociais e culturais e o emprego. Foi desenvolvida pola Universidade de Santa Bárbara (Estados Unidos) en 2012, e define como océano saudable aquel que achega de maneira sostible unha variedade de beneficios para as persoas, tanto no presente como no futuro. É o método de referencia máis utilizado a nivel global para determinar como de saudables son os océanos nas distintas áreas do mundo.

Co apoio desta consulta cidadá e a posterior análise realizada polo EqualSea Lab, Galicia poderá contar, por primeira vez, co seu propio índice, nun nivel de detalle do que dispoñen poucas zonas do planeta. “Esta consulta pública axudaranos a entender mellor o vínculo da sociedade galega co medio mariño. Imos coñecer valoracións sobre a percepción da saúde do océano, as ameazas e riscos que poden afectar a esta saúde da nosa costa e como as persoas vinculan un bo estado de saúde do mar ao seu propio benestar”, explica o profesor Sebastián Villasante.

Alén disto, segundo expón o equipo promotor da consulta, o método colaborativo co que se desenvolverá o OHI+ Galicia servirá como un foro de encontro e aprendizaxe, que axudará a identificar as interaccións entre as diversas actividades que se desenvolven nos océanos e establecer os obxectivos de xestión destes espazos en Galicia. Segundo apunta a USC, o coñecemento xerado contribuirá, por tanto, a mellorar as ferramentas de conservación do territorio costeiro galego, e vai poñer en valor a relevancia das actividades pesqueiras, marisqueiras, acuicultura e o turismo, entre outras. E, deste xeito, xerará un impacto positivo no benestar das actuais e as futuras xeracións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta