Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2022 | Actualizada ás 15:46
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mostrouse "esperanzado" de cara ás próximas eleccións municipais, polo que instou os socialistas a "envorcarse" e a "deixar ao carón calquera diferenza" para porse a traballar "por un obxectivo común".
Na súa intervención este sábado no Comité Nacional Galego do PSdeG, Formoso asegurou que os socialistas van "gañar as eleccións en Galicia de novo". Neste sentido, afirmou que o farán "a pesar das confrontacións mediáticas, dos intereses económicos e dos escurantismos".
Nesta liña, aseverou que se gañan as municipais terán tamén "a posibilidade de non renunciar a Galicia". "Non imos renunciar a nada. Necesitamos gañar as municipais para ser un país ambicioso", reflexionou.
"Aspiramos a ser representantes dun pobo ao que lle debemos todo, por tanto, imos dalo todo nestas eleccións. Estamos moi esperanzados nelas. Imos envorcarnos e pídovos que nos envorquemos nun proceso no que temos que deixar ao carón calquera diferenza para pornos a traballar por un obxectivo", indicou Formoso ante a presenza, entre outros, do exsecretario xeral, Gonzalo Caballero, ou do deputado Martín Seco, sobre quen o PSdeG solicitou a Ferraz unha orde de expulsión.
Así mesmo, o líder dos socialistas galegos manifestou que o PSdeG "non é un fin en se mesmo", senón "un medio para obter unha mellor sociedade". "Non debe ser unha aventura persoal, debe ser unha aventura na que todas e todos consigamos o obxectivo de mellorar a vida da xente", concluíu a súa intervención.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.