Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2022 | Actualizada ás 17:31
Galicia será a única comunidade na que non haxa tempo estable esta Noiteboa, pois o resto de España gozará de poucas choivas e temperaturas suaves, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) que espera que o mercurio poida mesmo chegar a 25 graos centígrados en puntos do litoral cantábrico, Mediterráneo e no sur.
O portavoz do AEMET, Rubén do Campo, apunta que para o Estado "non vai ser un inicio das festas frío, senón máis ben ao contrario", con temperaturas "inusualmente altas para a época" xa que en boa parte do país estará uns cinco graos centígrados por enriba do normal desde este xoves, 22 de decembro ata, polo menos, o luns, e non se esperan "prácticamente" xeadas nocturnas.
De feito, o portavoz destaca que durante as horas centrais do día pódense rozar os 24 ou 25 ºC o venres 23 e o sábado 24 en puntos do sueste peninsular e da área Mediterránea.
En concreto, o venres unha fronte asociada a unha borrasca atlántica chegará ao noroeste peninsular e deixará choivas abundantes no oeste de Galicia onde se poden recoller máis de 40 litros por metro cadrado en 12 horas.
O portavoz non espera cambios significativos o día de Noiteboa de modo que será un día moi chuvioso en Galicia, sobre todo na metade oeste. E o día de Nadal seguirá sendo chuvioso en Galicia e podería penetrarse algo máis no interior de modo que podería haber precipitacións tamén en Asturias, metade oeste de Castela e León, norte de Estremadura, Andalucía occidental e non se poden descartar algunhas pingas no centro, metade este e Baleares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.