A estatua de Curros Enríquez en Celanova, cuberta por unha carpa

O partido do BNG municipal esixe ao alcalde que ordene a súa retirada.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 23/12/2022 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego de Celanova (BNG) esixe ao goberno municipal que ordene a retirada da carpa que cubre a estatua de Curros Enríquez inaugurada en 1951, ano do centenario de nacemento do poeta, nos xardíns fronte á Alameda.

Estatua de Curros Enríquez cuberta por unha carpa en Celanova
Estatua de Curros Enríquez cuberta por unha carpa en Celanova | Fonte: BNG

O BNG, que en xaneiro de 2020 xa lanzou unha proposta para unha ordenación de uso do espazo público da vila diante da descontrolada ocupación do mesmo, considera que a autorización para cubrir o xardín que acolle a estatua de Curros e que fai parte dun único conxunto arquitectónico que honra ao poeta é unha mostra do desleixo intolerábel deste goberno municipal a respecto do patrimonio histórico e cultural de Celanova.

Desde o BNG de Celanova aseguran levar tempo agardando unha reacción desde o goberno municipal fronte a estas agresións continuadas ao patrimonio histórico e cultural da vila. Mais afirman que o propio alcalde consinte a desfeita continuada, cando, xunto ao plenipotenciario técnico de cultura, deberían ser os primeiros en traballar pola conservación do patrimonio cultural, e non calar e consentir.

Máis alá de gustos e excesos na decoración pública destas datas, en opinión do BNG de Celanova, ou do uso indiscriminado do Claustro Barroco para actividades que deberían ter acubillo noutros espazos, así como do beneplácito do goberno de coalición CD-PSOE coa indiscriminada ocupación de lugares públicos sen abordar regulación ningunha, a actuación no xardín e na estatua de Curros Enríquez é unha mostra da desconsideración absoluta polo legado histórico cultural e un desprezo ao dereito á cultura e ao patrimonio de toda a veciñanza de Celanova, alén dun disparate desde o punto de vista da promoción da vila como referente cultural.

Estatua de Curros Enríquez cuberta por unha carpa en Celanova
Estatua de Curros Enríquez cuberta por unha carpa en Celanova | Fonte: BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta