Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2023 | Actualizada ás 11:48
A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas convocou en Santiago un 'Círculo de Silencio' este xoves 5 de xaneiro para "lembrar e denunciar de forma pública e continuada" as mortes "provocadas polas políticas de migración e refuxio dos países da Unión Europea, tamén as de España".
O acto terá lugar este xoves ás 20.00 horas na Praza de Cervantes e, tal e como avanzan nun comunicado, levarán a cabo actos similares, durante 20 minutos e nos que prime o silencio, todos os primeiros xoves do mes.
A asociación apunta tamén no comunicado que enviarán a súa propia carta aos Reis Magos, "pedindo un 2023 no que se cumpran os dereitos das persoas migrantes e refuxiadas".
Fan tamén balance do ano 2022, onde destacan a "gran mobilización social" da ILP 'Regularización Xa', que conseguiu 700.000 firmas para levar ao Congreso.
A nivel galego, destacan a primeira gran convocatoria antirracista, impulsada por colectivos de persoas migrantes e racializadas que tivo lugar o 12 de outubro en Santiago. "En contraposición, como demostra o último informe de SOS Racismo, aumentan os casos de racismo institucional e social e de precariedade das persoas migrantes no conxunto do Estado e tamén en Galicia", lamentan.
A este respecto, afirman que a Guerra de Ucraína demostrou que a Unión Europea e o Estado español "poden afrontar a realidade das persoas refuxiadas conforme ao dereito e conforme á dignidade humana". "Só se trata de estender ese modelo para o resto das persoas, doutras procedencias, que solicitan refuxio na UE e en España", comentan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.