"Por 5 euros tes unha hamburguesa do McDonald's, pero case non chega para un quilo de plátanos"

Os trastornos alimentarios crecen entre a xuventude nunha sociedade na que os políticos miran cara outro lado: os mozos e as mozas polarízanse entre a anorexia e a obesidade.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nunha sociedade na que, aínda que as redes sociais están cheas de corpos anoréxicos que promoven malas condutas alimentarias, hai moitas empresas e 'influencers' que apostan polas 'modelos curvy' (estilo baseado en amosar as curvas sen complexos) para posicionarse, parece que todo o gañado ata o de agora en concienciación está a punto de esborrallarse.

Anorexia vs. obesidade
Anorexia vs. obesidade | Fonte: eldiario.es

As novas tendencias de moda que chegará esta primavera-verán, como xa se puido observar nas pasarelas máis importantes do mundo, veñen cheas de pretos corsés, pantalóns de tiro baixo e de saias máis que curtas. Todas elas prendas que moi pouca xente pode poñerse sen chegar a ver que lle sobran un quilos demais. Isto, entre a xuventude, pode dar lugar a preocupación.

Se cada vez hai máis das e dos seus 'influencers' de referencia que mudan o seu corpo e se someten a dietas moi duras co único obxectivo de adelgazar para entrar nos novos modeliños impostos pola industria da moda (como está a ser agora o caso de Kim Kardashian), que evitará que eles e elas tamén o queiran facer? Aqueles que proclamaban que amaban as súas curvas son os mesmos que agora as están a desbotar de mala maneira.

Neste contexto, nun mundo no que aínda habendo parte da sociedade que defende un estilo de vida saudable, hai aproximadamente un 3 % das nosas mozas e mozos de entre doce e vinte anos que amosan algún tipo de trastorno da conduta alimentaria. Segundo conta a Galicia Confidencial o doutor en Psicoloxía e profesor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Isorna, "un 0,5 %, principalmente rapazas, sofren anorexia nerviosa; case o 1 % sofre bulimia; e os trastornos por atracón e outros non especificados andan ao redor do 3 %". "É unha porcentaxe enorme a de mozas e mozos que teñen problemas coa súa imaxe".

"Un 0,5 % da xente xoven de entre 12 e 20 anos, principalmente rapazas, sofren anorexia nerviosa; case o 1 % sofre bulimia; e os trastornos por atracón e outros non especificados andan ao redor do 3 %; é unha porcentaxe enorme a de mozas e mozos que teñen problemas coa súa imaxe"

Anorexia
Anorexia | Fonte: Arquivo

NON SE ESTÁ DANDO AÍNDA UNHA NOVA ONDA DE ANOREXIA COMO A DOS 2000

Polo momento, dende o seu punto de vista, "non se está dando aínda unha nova onda de anorexia, como pasou no ano 2000", pero iso non quere dicir que os datos actuais dos que pode partir a súa chegada non sexan xa preocupantes. Prácticamente dende que xorden as redes sociais e, con elas, factores socioculturais que explican moitas das causas desta frustración dos máis mozos cos seus corpos, as cifras non deixaron de ir en aumento.

Os trastornos da conduta alimentaria afectan nun 80 % ás rapazas e nun 20 % aos rapaces. "Esa insatisfacción corporal de querer parecerse aos modelos que nos expoñen as redes sociais parte tamén desas fotos que se pensan que os famosos se toman nada máis levantarse da cama, cando en verdade hai detrás todo un equipo de profesionais que axusta dende a luz ata a posición da cámara para sacar a foto perfecta", argumenta Isorna, engandindo que "moitos mozos pensan que se pode conseguir ese tipo de corpos directamente sen comer".

E iso non só é culpa das redes sociais, pois tamén, segundo apunta, está moi fomentado pola industria alimentaria. "Se nos fixamos, hai moitos produtos 'light' ou sen calorías, que se fan para ter máis vendas", explica o experto. E así, contribúese a consolidar esa imaxe de que "se poden manter corpos marabillosos a base de non comer".

NOVOS TRASTORNOS RELACIONADOS COA INSATISFACCIÓN CO CORPO: A VIGOREXIA

Neste senso, apunta a que tamén se está dando, especialmente entre os rapaces, o fenómeno contrario, "algo que nunca pasara": a vigorexia, tamén coñecida co nome de anorexia inversa. "Dase en rapaces que nunca se sinten o suficientemente fortes, a pesares de pasarse horas no ximnasio e tomando anabolizantes e outros produtos para aumentar a masa corporal", indica Isorna.

Así, "vemos que van aparecendo toda unha serie de novos trastornos moi relacionados con esa insatisfacción cultural co corpo, moi fomentada a través das rede sociais e das pantallas". É por iso que este psicólogo apunta directamente ao control das redes sociais como algo fundamental para previr este tipo de trastornos en menores. 

O ENTORNO FAMILIAR É FUNDAMENTAL: TER PAIS QUE ESTÁN SEMPRE FACENDO DIETA NON AXUDA

En concreto, Isorna diferencia varios tipos de factores que predispoñen ás persoas a sufrir trastornos da conduta alimentaria: biolóxicos, relacionados ás veces con malformacións no hipotálamo; xenéticos, relacionados principalmente coa anorexia nerviosa; psicolóxicos, que teñen que ver coa personalidade e os rasgos da propia persoa; e emocionais, relacionados coas amizades e a familia.

Neste último punto, exemplifica que "crecer nunha familia onde a tua nai e o teu pai sempre están a dieta ou pesándose continuamente, comentándoche que 'estás a engordar' ou 'deixa de comer iso', créache unha inseguridade enorme". Tamén existen outra serie de factores socioculturais, como a "sobrevalorización da delgadeza", que relacionan estar delgado ou delgada con "poder controlarse, ter autocontrol", e a obesidade con "non poder controlarse e ser máis impulsivo", é dicir, "con ser un fracasado ou fracasada".

Estes factores serían desencadenantes, pero a partir de aí tamén hai toda unha serie de 'mantedores'. Entre eles, cabería destacar a propia interacción cos compañeiros de traballo ou de colexio. Por exemplo, expón Isorna, "cando alguen che di 'que delgada estás!' pode facerche pensar que vale a pena non comer e provocar o vómito, porque recibes reforzo social a través de bos comentarios". O mesmo no caso contrario, "se che din 'que gorda estás!', probablemente empeces a pensar en deixar de comer como unha forma de solucionalo".

PÁXINAS WEB EXTREMADAMENTE PERIGOSAS E SEN REPERCUSIÓNS LEGAIS

O doutor en Psicoloxía e profesor da UVigo expón como páxinas web extremadamente perigosas para a saúde dos mozos e, especialmente, das mozas, as coñecidas como 'Pro-Ana' (proanorexia) e 'Pro-Mía' (probulimia), que fan unha apoloxía aberta da anorexia e da bulimia. 

'Come mirándote ao espello e se podes desnuda ou con pouca roupa', 'leva unha foto na que se vexa a graxa do teu corpo', 'se che gusta moito unha comida e non podes deixala bótalle algo tóxico para que che de asco a próxima vez que penses en comela', 'usa roupa solta ao saír para que ninguén se de conta do que estás a facer (adelgazar)', 'ponte unha tira no brazo e cada vez que queiras comer tira dela para asociar comida á dor', 'cando vaias vomitar pon de fondo unha película ou música forte para que non che escoiten'... Estas son algunhas das frases que, a modo de consellos para adelgazar, aparecen nestas páxinas web consultadas por miles de mozas.

"Cando as adolescentes buscan como adelgazar en Internet acaban chegando a estes foros", explica Isorna, que asegura que "os profesionais levamos moitos anos dicindo que esto debería estar perseguido pola lei". "Do mesmo xeito que se persegue baixar música ou películas piratas, deberíanse perseguir páxinas que fagan apoloxía da anorexia ou da bulimia", conclúe.

"Do mesmo xeito que se persegue baixar música ou películas piratas de Internet, deberíanse perseguir páxinas que fagan apoloxía da anorexia ou da bulimia como as 'Pro-Ana' e 'Pro-Mía'"

OLLO: A MODA 'CURVY' TAMÉN TEN OS SEUS PERIGOS

Por outra banda, e a pesares de que o estilo de corpos 'curvy' se tratou de vender como unha forma de loitar contra esa extrema delgadeza, hai que ter moito coidado onde se pon a liña. Estar anoréxica ou anoréxico non é saudable, mais estar obeso ou obesa tampouco o é. "Estar saudable é xusto o contrario: o índice de graxa corporal debe ser sempre tomado como unha referencia", expón o experto.

Por iso, "é necesario inculcar que hai que facer cinco comidas ao día, con mínimo cinco cores, así como unha hora de actividade física, e non abusar da comida basura nin das bebidas refrescantes e azucaradas". "Con iso xa teriamos moito gañado", explica. O segredo está moi claro para Isorna: "Debes ter un peso adecuado á túa altura: o índice de graxa corporal sempre por debaixo de 22 e nunca por enriba de 25, porque xa sería obesidade"

"É necesario inculcar que hai que facer cinco comidas ao día, con mínimo cinco cores, así como unha hora de actividade física, e non abusar da comida basura nin das bebidas refrescantes e azucaradas; ter un peso adecuado á túa altura: o índice de graxa corporal sempre por debaixo de 22 e nunca por enriba de 25"

COMER SÁ É CARO, E AS GRANDES FRANQUICIAS DE 'FAST FOOD' APROVÉITANSE

En calquer cidade de tamaño medio de Galicia podes atoparte hoxe por hoxe cun McDonald's, cun Burger King, cun KFC, cun Telepizza ou con calquera outra franquicia polo estilo. E case sempre ateigadas de xente moza comendo xa sexa de mañá, de tarde ou de noite. Por que? "Porque son baratas", apunta Isorna. 

"A política xoga tamén no caso da saúde un papel fundamental", asegura. Nos supermercados as pizzas de dous euros son as que primeiro se esgotan, por unha simple cuestión socioeconómica. "Para que isto mude, a política debería tomar medidas para baixar os prezos dos produtos frescos e saudables", apunta.

Se non "por cinco euros acabas coméndote unha hamburguesa do McDonald's e meténdote 1.500 calorías tranquilamente e sen darte conta, mentres que con eses mesmos cinco euros non podes comprar nin un quilo de plátanos".

"Por cinco euros acaba coméndote unha hamburguesa do McDonald's e meténdote 1.500 calorías tranquilamente e sen darte conta, mentres que con eses mesmos cinco euros case non podes comprar nin un quilo de plátanos"

Persoa que sofre obesidade
Persoa que sofre obesidade | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta