Armas para Putin

Hai uns días Xoán Hermida publicaba no dixital Infolibre.org un interesante artigo, “20 años del nacemento de la Ciudadania Global” no que analizaba o devir do movimento pacifista dende as mobilizacións multitudinarias contra a guerra de Irak ata a nula mobilización social contra a agresión imperialista rusa contra Ucraína. É sen dúbida unha reflexión acertada, que axuda a comprender o silencio cómplice, nun casos, moitos casos, de boa parte da esquerda.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 27/01/2023

Comparte esta noticia
Do artigo hai un cualificativo que non comparto. Di Hermida, ou así cando menos o interpreto eu, que unha parte da esquerda, e falamos tanto da esquerda política como da esquerda intelectual, tense posto de perfil ante a invasión de Ucraína. Creo que a estas alturas cualificar a posición desa esquerda como “poñerse de perfil” é un eufemismo. Esa esquerda tense posicionado, de xeito moi claro, a favor de Putín e dia tras di tentan debilitar o apoio á causa ucraína. Hermida acerta cando describe como esa esquerda, prisioneira duns esquemas que veñen da época da Guerra Fría e da propaganda stalinista, dá a volta á realidade para presentar a Estados Unidos como agresor e aos países europeos como marionetas do malvado americano.
 
Día tras días podemos ler a esta quinta columna do autoritarismo ruso nos medios dixitais que cualificamos de esquerda. Comento algunhas mostras. Nas páxinas dunha revista que foi referente para xeneracións de militantes da esquerda, Míentras Tanto, creada por Manuel Sacristán a finais dos anos 70 e na que participou activamente Francisco Fernández Buey, un dos grandes intelectuais deste país, Juan Ramón Capella, publicaba no número de xaneiro o artigo “¿Hasta cuando?”, unha diatriba furibunda contra a resistencia ucraina á somenterse aos designos que lle marque Putín. En números anteriores xa se posicionara no mesmo senso. Sen tapuxos. 
 
Aínda mais claro que Capella é o xornalista, ou algo así, Rafael Poch de Feliu, que escribe asiduamente en Cxtx.org, outro dos dixitais referentes na esquerda. Os seus dous últimos artigos “Resignados a una larga guerra” e “Una demencia europea”, non teñen perda. Un par de perlas: “A guerra por procuración que EEUU e a OTAN están levando a cabo en Ucraína contra Rusia, con China en mente…”. O agresor convertido en agredido por arte de maxia, como todos sabemos o 24 de febreiro de 2022 os tanques da OTAN entraron a todo trapo en territorio ruso… que decides que non foi así… a ver que llo explica ao señor Poch. No artigo aínda ten tempo para dedicarse a denigrar a quenes pensamos que o pobo ucraino é o agredido e que ten dereito a defenderse: “un pseudoesquerdista de dereitas (a división entre esquerda é dereita é o apoio ao neoliberalismo e ao belicismo) baila ao son dos tambores de guerra e do militarismo envolto na bandeira ucraina”. 
 
O dixital mais lido na esquerda, elDiario.es, tamén se presta a converterse en atalaia dende a que os cruzados hispanos do putinismo envían as súas mensaxes. O 17 de xaneiro Isaac Rosa publicaba o artigo “¡Enviemos más armas a Ucraína!” no que se cachondeaba, eu non son moito de eufemismos, dos esforzos ucrainos en dotarse do armamento necesario para resistir a embestida do exercito ruso e dos mercenarios de Wagner. Nin a mais mínima critica a aqueles que subministran armas a Rusia. O señor Rosa é un dos moitos intelectuais que van de guais, cando na realidade son uns miserables. Xa dixen que o do eufemismo non vai conmigo.
 
Concordo con Hermida na explicación da aberrante postura destes columnistas, que como dicía comparte unha boa parte da esquerda política, comezando por Podemos e continuando polo BNG, cuxa lideresa Ana Pontón xa ten negado reiteradamente o dereito do pobo ucraino a defenderse.
 
A explicación é a seguinte: coa boca pequena esta esquerda di que a invasión de Ucraína está mal, normalmente engaden que tamén é verdade que algo farían, pero chegan a conceder que ben, o que se di ben, invadilos está regular. Esta reflexión non os leva concluír que Ucraína está lexitimada para defenderse e polo tanto lexitimada para buscar o apoio para facelo, na forma de armas e material militar, entrenamento, subministros, accións diplomáticas internacionais, e medidas económicas… Non o fan porque logo deste razonamento, no que xa sementan as dúbidas de si os ucranianos non se merecerán realmente o que lles está a pasar, concluen o seguinte: “Pero mirade, é que aos ucranianos os apoia Estados Unidos, e Estados Unidos é o peor do mundo, o peor do peor”. Entón basándose nesta afirmación, que para eles é como o primeiro mandamento sobre o que asentan a súa Igrexa, xa está, xa non hai mais que dicer: temos que apoiar aos rusos, que ao millor non son bos, pero o peor son os norteamericanos, da o mesmo o que fagan os rusos, da o mesmo que bombardeen, que maten, da o mesmo que os seus apoios proveñan de descerebrados como os aiatolas iranies ou sexan os fascistas de Orkan, todo eso non importa. 
 
Parece broma, pero é a triste realidade. Si nos tomáramos a molestia de ver como foi evolucionando o apoio a Putín dende esa suposta esquerda, leendo os artigos publicados por estes intelectuais, veriamos que a argumentación foi mais ou menos así, con distintos grados de refinamento, aínda que tamén son abondosos os argumentos burdos. Nun primeiro momento responsabilizouse á propia Ucraína da invasión, porque acubillaba un réxime fascista, (parecía que Putin lles escribia os artigos, o que ao millor non é moi errado), logo culpouse a Estados Unidos e á OTAN e logo se culpa á industria armamentística. Os amigos de Putin sempre se esquecen do mais básico, do obvio, e os seus propios argumentos vólvense contra eles mesmos: seguindo o seu propio fío (a guerra beneficia a Estados Unidos e á industria bélica) mesmo podemos concluír que o propio Putin é un axente dobre da CIA ou que está pagado por algún consorcio internacional de empresas de munición. 
 
A esquerda non pode permanecer secuestrada polos putinistas: nin polos que controlan as organizacións políticas, nin polos que acaparan as columnas de opinión nos medios, é que tanto se fan notar. O pobo ucraniano non merece que sexamos cómplices deses persoaxes siniestros. Non podemos ser refens do totalitarismo ruso. Si nos deixamos guiar por quenes se aliñan co fascismo ruso como poderemos ollarnos no espello?.

Vladimir Putin
Vladimir Putin | Fonte: temposgalegos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.