Por Galicia Confidencial | Quiroga | 24/12/2014 | Actualizada ás 11:43
De carpinteiro a artesán da madeira en Armaior. Cambio ou evolución?
Houbo que reinventarse, por mor da crise o moble macizo artesán e a carpintería sufriu un baixón moi grande e pensamos facer artesanía pequena que xa fixeramos anteriormente en madeira de castiñeiro pero desta vez apostamos pola madeira de oliveira e os utensilios de cociña.
De traballar con castiñeiro, nogueira ou carballo a centrarte na madeira de oliveira. Por que esta madeira?
A madeira de oliveira ten unhas calidades excepcionais para a cociña, e moi dura e resistente e antibacteriana. Ao ser unha árbore que tarda moito en medrar ten o poro moi pechado polo que non entran os olores, sabores nin cores; ademais é decorativa porque ten unha veta moi fermosa.
Hai oliveiras no país para darlle saída á vosa produción? Tedes pensado empregar outras madeiras no futuro?
En Quiroga onde vivimos hai moitas oliveiras, de feito elaborase aceite de xeito artesán, nos aproveitamos a madeira das podas. De momento non temos pensado elaborar artesanía noutras madeiras porque estamos moi satisfeitos coa aceptación que ten entre os nosos clientes.
Que obxectos elaborades e cales teñen máis saída?
Temos mais de trinta produtos distintos para cociña e decoración: cuncas, morteiros, cuncas, culleres, garfos... o máis demandado pola xente son os crebanoces e as táboas para cortar.
Como comercializades as vosas creacións?
De momento vendemos en feiras e mercados de artesanía principalmente, en menor medida temos pedidos no obradoiro e estamos preparando unha tenda virtual de cara ao futuro. Atendemos tamén encargos que nos chegan polas redes sociais, como o noso Facebook.
Estades na Toca, Quiroga, ás portas do Courel. Avantaxes e inconvenientes de ter o centro de traballo no rural?
Case todo son avantaxes, temos unha vida máis tranquila que nas cidades e que se presta ao traballo artesán máis pausado. O entorno é inspirador e cada día hai máis visitantes que veñen coñecer o Courel e gozar da Ribeira Sacra, visitantes que son potenciais clientes porque valoran o traballo artesán na maioría dos casos.
Algunha curiosidade ou anécdota a comentar?
Pois que temos mandando creacións nosas a Suecia, concretamente a Laponia, e que entre os clientes así máis curiosos ou coñecidos temos a Lombao, adestrador persoal de Aznar, ou a Pepe Solla.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.