Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2023 | Actualizada ás 18:41
A Consellería de Educación publica este luns no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) para maiores de 18 anos nas convocatorias de maio e setembro de 2023.
Poderán participar nestas probas as persoas maiores de idade e que non estean en posesión do título correspondente nin matriculadas no actual curso 2022/23 en ensinos conducentes a obtelo.
O prazo de inscrición estará aberto do 6 ao 16 de marzo para a convocatoria de maio e do 3 ao 10 de xullo para a de setembro, ambas as datas incluídas nos dous casos.
As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 19 de maio e 1 de setembro de 2023 para as respectivas convocatorias; e o contido do exame estruturarase en tres ámbitos: ámbito científico-tecnolóxico, ámbito social e ámbito de comunicación.
MATERIAS
No primeiro deles incluiranse os exercicios das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recolleitos no currículo de Educación Física.
A proba do ámbito social inclúe os contidos relacionados coas materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual e Música. Finalmente, o ámbito de comunicación comprende os exercicios de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Lingua Estranxeira (inglés ou francés).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.