Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/01/2015 | Actualizada ás 10:00
A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) colectivo pioneiro na recuperación e posta en valor dos xogos tradicionais galegos, acaba de celebrar a súa XI Asemblea anual. Once anos nos que acadou a dignificación dos xogos tradicionais logo de desenvolver máis de 400 actividades de divulgación do patrimonio lúdico galego.
A AGXPT foi fundada no ano 2003 coa finalidade de investigar e divulgar os xogos tradicionais, cunha dobre finalidade. Por unha parte, conseguir que os xogos fosen considerados constituíntes de pleno dereito do patrimonio colectivo dos galegos e das galegas. Por outra, recuperar as prácticas lúdicas tradicionais para o día a día, sobre todo das camadas máis novas da poboación, aínda que non só.
Ao longo destes 11 anos de vida, a AGXPT desenvolveu máis de 400 actividades de divulgación e posta en valor dos xogos tradicionais e cinco cursos de formación propios, dirixidos ao profesorado e aos educadores/as en xeral.
Entre os seus logros ao longo destes anos, está o de ter contribuído decisivamente –xunto con outras organizacións e iniciativas ao longo de todo Galicia– a que os xogos tradicionais sexan considerados hoxe como un sinal de identidade dos galegos e das galegas, e mesmo a que a súa práctica ordinaria xa non sexa hoxe froito dun día nin algo anacrónico. "Proba evidente son, por exemplo, a cantidade de nenos e nenas galegos que recuperaron para a vida ordinaria no outono, o xogo do peón –buxaina, trompo, sevillana…–, por exemplo", apunta a asociación nun comunicado.
Nesta asemblea anunciou que iniciará novas liñas de acción institucional que permitan deseñar unha estratexia global de recuperación do xogo tradicional, tal e como xa se intentou co Plan Estratéxico dos Xogos Tradicionais, elaborado no seu día e no que a AGXPT tivo un papel destacado.
A AGXPT está integrada desde hai anos na ASOCIACIÓN EUROPEA DE XOGOS E DEPORTES TRADICIONAIS, unha entidade transnacional que pretende coordinar liñas de traballo entre os colectivos do continentes que teñen a recuperación dos patrimonios lúdicos nacionais como obxectivo das súas actividades. A través desta entidade, a AGXPT mantén realcións estables cun cento de organización de todo o mundo, desde México a Corea, pasando por África e, desde logo, por toda Europa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.