O CHOU nega uso de roupa sucia e os traballadores denuncian ameazas

O hospital de Ourense di que sigue un “rigoroso procedemento de xestión da lencería”, e os traballadores insisten en que non hai material para cubrir o número de altas polo colapso sanitario. A xerencia destaca que o 100% do persoal está traballando para facer fronte a esta vaga de gripe, e os traballadores insisten en que, a pesar diso, teñen que traballar un “150% máis” para solucionar a “situación de caos”.

Por Xurxo Salgado | Ourense | 17/01/2015 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense nega, tal e como publicou GC por fonte dos seus traballadores, que nos últimos días se dera orde de facer camas para os pacientes que tiñan que ingresar na Unidade de Pre-Ingresos (UPI) con roupa sucia por falla de lencería. Con todo, os traballadores consultados din que a situación continúa e que algúns deles foron ameazados tras a publicación destas información.

Edificio do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU)
Edificio do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU)

“Ante a publicación estes días no diario dixital Galicia Confidencial dunha información que atenta gravemente contra a profesionalidade das supervisoras de enfermería do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, tanto a Xerencia como a Dirección de Enfermería, desexan facer público seu pleno convencemento na profesionalidade destas traballadoras e desmentir taxantemente que feitos como os expostos tivesen tido lugar”, apuntan nun comunicado remitido aos medios.

Así, desde o CHOU se suliña que, en ningún caso supervisoras de enfermería deste hospital deron ordes ao persoal “que contraveñen as mais elementais normas hixienico-sanitarias de manexo da roupa de cama ou lencería hospitalaria”.

“Este Complexo conta e sigue un rigoroso procedemento de xestión da lencería hospitalaria, claro e de obrigado cumprimento para todos os traballadores, máxime  tendo en conta a súa formación e experiencia como persoal sanitario, como os procesos de petición de reposición de roupa, recollida a almacenaxe”, engade o centro hospitalario.

A Xerencia do hospital tamén  lamenta que precisamente neste período de máxima actividade asistencial, “informacións como esta veñan a ensombrecer o valor e calidade da súa labor diaria, que está fora de toda dúbida”.

"Ameazas"

Con todo, traballadores do centro consultados por GC insisten na veracidade da información dada por este xornal o pasado domingo e denuncian “ameazas” da xerencia ao persoal que traballou ese día na UPI, xa que foron chamados a falar directamente coa dirección tras a publicación da información. “Hai malestar entre as supervisoras porque os profesionais dicimos a verdade e porque algunha mandau poñer roupa sucia. Agora andan a chamar a todo o mundo e metendo medo, sobre todo, ao persoal contratado”, aseguran estas fontes.

Ademais, suliñan que, a pesar do que di a xerencia do CHOU hai “serios problemas de lencería e roupa de cama” porque “ás veces, non hai roupa limpa e os propios pacientes xa o saben porque o sofren todos os días”. Unha situación, din, que se agravou estes días “porque hai un pico de pacientes e tamén porque se pechou o Hospital de Piñor, que tiña medicina Interna, que asumía este tipo de patoloxías”.

Con todo, desde a xerencia do centro desmenten isto e suliñan que cada día chega sempre lencería limpa e se hai un repunte de paciente “pois se pide máis”. “Pode darse o caso de que haxa atrasos pero non que se teña dado orde de poñer roupa sucia”, aseguran fontes da xerencia do centro consultadas por GC. “Non hai ordes, pero pola presión que existe, houbo alguén que mandou facer iso para axilizar a entrada de pacientes polo colapso que hai”, aseguran os traballadores consultados.

Desde a xerencia tamén negan que se teña “presionado” a ningún traballador.  “É lóxico que tenten saber porque hai supervisoras que están moi molestas porque o que se dixo é moi forte e queren saber de onde saíu iso”.

Persoal no CHOU

Sobre o colapso en urxencias e as protestas que estes días tiveron lugar no centro pola falta de medios e profesionais, a xerencia aclara que estes días está traballando o 100% da plantilla e que, ademais, se están reforzando aqueles servizos que teñen máis demandas. “Non se esta descubrindo ningún servizo”, suliñan ao tempo que destacan que os ingresos están ao 98%. “Ademais temos camas libres para ir ingresando. En Medicina Interna temos a ratio máis grande de médicos por cama da provincia”, destaca.

Con todo, desde o colectivo profesional insisten en que a situación está desbordando á dirección porque non hai “nin medios, nin persoal”.  “O persoal está ao 100%, pero hai máis ingresos e pacientes e iso é unha sobrecarga e hai carencia de lencería, de celadores. Hai que facer traballo extra que facemos os profesionais. Estamos aos 150% traballando máis do que nos corresponde. E eles non teñen cuberta esta sobrecarga”, denuncian.

Ademais, critican a falta de medicamentos. “Iso que dixo a conselleira de que había vacinas tamén é mentira porque chegan racionadas. Cada vacina custa seis euros e en moitos centros se lle está dicindo a pacientes  que as pagan eles se as queren ter antes”, engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 xOsse

Poñer en dúbida esta información, aparte dunha tomadura de pelo aos traballadores, é unha falta de respecto aos pacientes que sufren cada día esta situación. Meu avó pasou este nadal internado no CHOU e unha noite tiveron que mudalo de habitación, para "converter" a habitación na que estaba de homes para mulleres. Como o tamaño das camas non era igual e non entraba pola porta, non só tivo que cambiar de habitación, senón tamén de cama. O que si non cambiou foi a roupa da cama, que como non había, tiveron que levar a roupa da cama na que estaba, para a outra. Logo situación de pixamas que non lle valían e imposibilidade de conseguir outro... "porque non había roupa". Eloina Dimisión!

1 cu-cus-clan sergatico

Señora Eloina "A REXENTA" isto pode ser aumento de infeccións nosocomiais, o de que non teñen claefacción e xente durmindo con 4 mantas arriba tamen o poden correxir metendo 2 enfermos nunha cama de contrato matrimonial, hoxe xa somos liberais homes con homes, e tamen homes con mulleres, e mulleres con mulleres, sabemos que poñen sabas usadas en sillons para erguer os enfermos da cama, e que as colchas estanse quedando, de seguir asi esto vai ser hospital africano, sin medicamentos, sin comidas, sin roupa de cama... miren tamen si a xente victima da crise economica anda a levarse toallas do churro... non chuo isto non é universitario isto e de segundo da eso... o dos medicamentos andan a pedilos polas andares e cando non teñen pois a rea, a cousa esta malamente... FRIJOLES... a tua curma!!!!