Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2023 | Actualizada ás 15:08
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, advirte de que o xuízo polo accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois en xullo de 2013, no que morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas, "ten que chegar ás responsabilidades máximas".
Ademais, lembrou que o procedemento de infracción en relación co cumprimento da normativa de seguridade ferroviaria en España "segue aberto" polas institucións comunitarias.
A preguntas dos xornalistas este venres en Santiago, con motivo da reunión que mantivo coa candidata do Bloque á alcaldía, Miranda, que impulsou a viaxe da plataforma de vítimas da traxedia a Bruxelas, valorou que "o xuízo chega tarde". "Tiña que ser moito antes, as responsabilidades políticas tamén dirimidas moito antes e desde logo que as vítimas teñan unha resposta xa", advertiu.
En todo caso, apuntou ao "procedemento de infracción aberto na Unión Europea" e sinalou que o Bloque está a pedir "unha reunión coa comisaria" xa que respondeu "dicindo que xa hai un plan de acción de materia de transporte ferroviario". "É a primeira noticia que temos e por iso queremos unha reunión urxente", incidiu Miranda.
O xuízo víveo "con tristeza porque ao final foron as vítimas as que se tiveron que mover para ter verdade, xustiza e reparación". Por iso, remarcou que está "sempre con elas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.